ALCALDÍA

Recoñecemento da Corporación a Borja Golán tras o seu décimo sexto título de campión de España de squash

09/03/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu esta mañá ao 16 veces campión de España de squash, Borja Golán. O compostelán vén ademais de gañar o Torneo de Montreal, dentro do Circuíto PSA World Tour, acadando a cifra de 32 torneos nesta competición.

Golán é o mellor xogador estatal de squash de todos os tempos e, co recente título acadado en Montreal, avantaxa en número de títulos a un dos mellores xogadores dos últimos anos, o exipcio Mo Elshorbagy.

Martiño Noriega sinalou que para o Concello é "un pracer recibir a un deportista como Borja Golán, quen ten acadado éxitos na súa carreira, que coa perspectiva que dá o paso dos anos valoraremos na súa xusta medida", e cualificouno como un deportista "irrepetible para o squash".

Pola súa banda, Borja Golán quixo agradecer o recoñecemento do alcalde e de toda a Corporación "xa que este tipo de apoio é o que axuda a manter a motivación para seguir acadando éxitos". Golán, que o pasado mes de xaneiro cumpriu 35 anos, leva 16 como profesional.

A preguntas dos medios sobre a futura cidade da raqueta, o alcalde explicou que "continuamos en conversas para conseguir fondos, non só para a construción da cidade da raqueta, senón tamén para o mantemento posterior". Martiño Noriega sinalou que este "é un proxecto moi ambicioso e a aposta dende a institución é clara, coa colaboración da Federación Galega de Squash". O seu presidente, Carlos Noya, acompañou a Borja Golán nesta visita e entregou ao alcalde unha placa en recoñecemento do apoio do Concello ao squash.

Palmarés
O deportista compostelán leva dende 2002 en activo, logrando nese tempo 16 títulos a nivel estatal e un total de 32 a nivel internacional. Borja Golán ocupa o primeiro posto no ranking español e o número 21 no PSA World Tour, ranking no que chegou a ser quinto no ano 2012.

Compartir: