IGUALDADE E MOCIDADE

A Sala Capitol acollerá o concerto "Rock & Elas" dentro do programa do Día Internacional das Mulleres

21/02/2018 As concelleiras de Igualdade e de Mocidade, Marta Lois e Noa Morales, presentaron esta mañá a primeira das actividades do programa para a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Na rolda tamén estiveron Paula Rego e Sabela Sampedro, batería e guitarrista dun dos grupos do concerto, Agoraphobia.

O concerto leva por nome Rock & Elas e contará cos grupos de rock galegos Bala e Agoraphobia, "formados integramente por mulleres e que están abríndose camiño con forza no panorama musical do noso país", tal e como destacou a concelleira Noa Morales. Ambos grupos son coñecidos, sobre todo, entre a xente moza, e xa actuaron xuntos nalgún festival de rock.

A cita é o vindeiro xoves 1 de marzo a partir das 21:30 horas. As entradas son de balde ata completar aforo e poden descargarse na propia web da Sala Capitol.

Marta Lois quixo agradecer a colaboración da Concellaría de Mocidade e "de todo o Goberno municipal á hora de crear unha programación transversal para conmemorar o 8 de marzo". A concelleira de Igualdade tamén fixo un repaso sobre as accións que se levan celebrado polo Concello co gallo deste día e que incluíron o espectáculo Galadas en 2016 a cargo de Mercedes Peón, ou a obra de teatro Bravas e diversas o ano pasado.

A guitarrista do grupo Agoraphobia, Sabela Sampedro, amosouse "moi agradecida por poder tocar na Sala Capitol, un lugar de referencia musical en Compostela", ao tempo que definiu esta acción como "moi bonita e moi ben proposta, ao permitir visibilizar as mulleres no mundo do rock, moi masculinizado".

Bala
Formado por dúas mulleres (V e Anx), Bala ten xa ás súas costas dous traballos, un primeiro disco esgotado e re-editado chamado Human flesh e un segundo que veñen de presentar e que leva por nome Lume. O seu estilo musical achéganos ritmos de grunge, punk e rock.

Agoraphobia
Agoraphopia é un quinteto orixinario de Boiro, nacido en 2013 e formado por cinco mulleres: Susana, Aislinn, Sabela, Paula e Lucía. Teñen dous discos autoeditados, Dirty little things e Ready to play e, ao igual que Bala, apostan polo punk rock e o rock alternativo.

Compartir: