ALCALDÍA

Recepción aos membros da Asociación José Afonso

27/01/2018 O alcalde recibiu esta mañá a unha delegación portuguesa da AJA (Associaçao Jsoé Afonso) que pasarán uns días en Compostela traballando na memoria do músico aveirense. Na recepción estiveron tamén representantes do PSOE e BNG, así como membros da AJA Galicia.

O acto comezou cunha breve interpretación musical por parte do presidente da AJA Portugal Francisco Fanhais, que lle puxo voz a Zeca Afonso. A el se referiu na súa intervención o vicepresidente da entidade Paulo Esperança, como "unha persoa que deixou unha fonda pegada en Galicia e en Santiago " lembrando tamén o 2009 como "o ano no que se lle deu o seu nome ao parque Burgo das Nacións".

Nesa mesma liña se referiu o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen se acordou "daquel concerto no Burgo das Nacións o 10 de maio de 1972 que forma parte xa da banda sonora da cidade". Noriega tamén fixo fincapé na importancia de Za Afonso, "non só para Compostela senón para toda Galicia".

Zeca Afonso
Zeca Afonso foi un compositor de canción protesta portugués. Escribiu música contra a dictadura de Salazar, que gobernou Portugal desde 1926 ata 1974. Zeca é un dos máis coñecidos e mellores músicos do país veciño e, anos despois da súa morte, permanece aínda cun alto número de venta, tanto no seu país como no estranxeiro.

Compuxo a canción Grândola, Vila Morena, que serviu de sinal para o comezo da Revolución dos cravos o 25 de abril de 1974.

Compartir: