XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de renovación da rúa Batalla de Clavijo e a súa contorna

26/01/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe os dous proxectos nos que se dividirá a renovación de viarios e beirarrúas na rúa Batalla de Clavijo e anexas, e que suporán un investimento de case un millón de euros. A primeira fase da actuación será cofinanciada con fondos europeos, con cargo EDUSI. O alcalde, Martiño Noriega, salientou que esta actuación "responde a unha demanda histórica da veciñanza e mellorará sensiblemente o benestar da poboación do ámbito"

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto da Fase I da renovación de viarios e beirarrúas de Batalla de Clavijo e anexas, que lle afecta a unha superficie de case 2.600 metros cadrados. Estas obras terán un prazo máximo de execución de seis meses, e un orzamento de licitación de preto de 527.000 euros. En canto á Fase II, inclúe a rúa Puente la Reina e as escalinatas de Cebreiro e Raíña Lupa, cunha superficie total de case 1.800 metros cadrados. Neste caso, o prazo de execución é de cinco meses, e o orzamento máximo de licitación será de 450.000 euros.

Mellora do benestar da poboación
O proxecto aprobado hoxe ten o obxectivo último de mellorar o benestar da poboación deste ámbito da Almáciga e promocionar a cohesión social e Territorial. Para iso, proponse un novo deseño que resolverá as deficiencias detectadas no contorno, que está moi deteriorado por mor do alto volume de tráfico rodado que soportan as rúas Batalla de Clavijo e Puente la Reina, e as escalinatas Bispo Teodomiro, Raíña Lupa e Cebreiro. Haberá unha reconfiguración dos espazos públicos das rúas que redundarán en beneficio do peón, renovarase a pavimentación, e resolveranse os problemas derivados das diferenzas de cota existentes na actualidade,

A primeira fase das obras será a que se execute no marco da EDUSI, de xeito que o 80 por cento do seu custo, algo máis de 450.000 euros, procederá de fondos europeos. A segunda fase será financiada con fondos propios.

Documentos relacionados



Compartir: