ALCALDÍA

O alcalde reivindica o potencial investigador de Santiago na inauguración do III Simposio de Biopsia Líquida

26/01/2018 Máis de 300 investigadores e oncólogos médicos expertos en medicina de precisión danse cita esta semana en Santiago, no III Simposio de Biopsia. O alcalde, Martiño Noriega, participou esta mañá na inauguración do evento, organizado polo Grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Hospital Clínico, ONCOMET.

Na súa intervención na inauguración do Simposio, o alcalde reivindicou o enorme potencial que ten Compostela no eido da investigación médica "porque temos unha gran Universidade e porque o noso Complexo Hospitalario Universitario está cheo de profesionais de recoñecida traxectoria". Martiño Noriega tamén quixou loubar a traxectoria de Rafael López, responsable de ONCOMET, ao que lle agradeceu "o seu esforzo persoal por fomentar a investigación no eido da biopsia líquida, e o seu empeño no éxito da campaña de crowfunding que se desenvolveu ao longo do ano pasado e na que se implicou toda a cidadanía de Santiago". Grazas a estas iniciativas, dixo o alcalde, "veremos como se segue avanzando na aplicación da biopsia líquida, que hoxe xa é unha realidade no tratamento de tumores de colon, recto e algúns casos de pulmón e melanoma".

Na inauguración do Simposio tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, a xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Eloína Núñez, e o líder de ONCOMET, Rafael López. O tamén xefe do servizo de Oncoloxía do CHUS asegurou que "os hospitais galegos e españois están tendo un rol moi activo na incorporación activada biopsia líquida no tratamento oncolóxico". Tamén se mostrou convencido de que "estamos en boa posición para traballar en rede entre todos os servizos de Oncoloxía" e tamén entre os grupos dos diferentes hospitais galegos que actualmente traballan en especialidades como o cancro de mama, pulmón ou dixestivo. Precisamente, a colaboración entre especialistas e especialidades será un dos temas protagopnistas do III Simposio de Biopsia Líquida, que se celebra desde onte e ata mañá

Compartir: