DEPORTE

Case 1.500 alumnos e alumnas de 11 centros participaron na campaña "Ven coñecer o Squash"

26/01/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, visitou esta mañá a última xornada da actividade "Ven coñecer o squash", organizada polo Concello de Santiago e a Federación Galega de Squash co obxectivo de visibilizar este deporte nas aulas de Compostela.

Noa Morales achegouse ao CEIP Pío XII acompañada do presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya, e do xogador e campión de España e Europa, Borja Golán. A concelleira lembrou que a idea da campaña "foi levar o coñecemento do squash aos nenos e nenas mediante unha serie de contidos eminentemente prácticos" ao mesmo tempo que se lles deu a coñecer unha disciplina deportiva menos mediática, pero que en Compostela conta co mellor dos referentes, Borja Golán.

Na visita fíxose balance da actividade, que percorreu un total de 11 centros educativos da cidade dende o pasado mes de outubro e ata o día de hoxe. Participaron case 1500 alumnos e alumnas dos colexios e entidades San Jorge, IES Eduardo Pondal, Casa do Neno, Down Compostela, Colexio Juventud, Divino Maestro, Quiroga Palacios, Roxos, Raíña Fabiola, San Pelayo e Pío XII. Noa Morales quixo sumarse á actividade e xogou cos alumnos e alumnas do colexio na pista na que estiveron practicando este deporte durante toda esta semana.

O presidente da Federación de Squash de Galicia, Carlos Noya, quixo agradecer "ao Concello e á concelleira de Deporte a posibilidade que nos deron de levar o squash aos colexios" ao mesmo tempo que se amosou agradecido tamen "o apoio dos técnicos do departamento". Noya engadiu que "estamos a sementar para recoller os froitos a medio prazo da cidade da raqueta e con esa esperanza pretendemos repetir esta actividade".

Dúas actividades
O proxecto desenvolveuse en dúas accións diferenciadas. A primeira levouse a cabo nos propios centros educativos, a onde se trasladou unha pista móbil de squash, un monitor e todo o material necesario. En cada centro a actividade tivo unha duración dunha semana, durante a cal os nenos e nenas traballaron sobre este deporte e se divertiron con el. Desenvolveuse en estreita colaboración cos profesores e profesoras de Educación Física.

As medidas da pisa móbil foron as seguintes: aproximadamente 4 metros de ancho por 4 metros de lado, 2 metros de alto e un peso aproximado de 100 quilos.

Despois desta primeira toma de contacto déuselle a posibilidade a todos os participantes na actividade para que aqueles rapaces e rapazas que o desexaran puideran acudir a unha clase de iniciación nunha verdadeira pista de squash nas instalacións do Squash Club Santiago. Esta actividade tamén foi un éxito total de participación.

Compartir: