ECONOMÍA

Corenta e cinco expositores porán á venda preto de 30.000 pezas na V Feira de Antigüidades

24/01/2018 A concelleira María Rozas presentou esta mañá a V Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage que se celebrará no Pazo de Congresos os días 26, 27 e 28 de xaneiro. Xunto a ela estiveron os organizadores da Feira, Marycruz Madrid e Ángel Moix e a directora do Pazo de Congresos Belén Montero. Durante a rolda de prensa, a concelleira destacou a atracción que xerou xa o ano pasado a IV Feira, na que se mostraron 30.000 pezas de diversos países, e cunha asistencia que rondou as 2.500 persoas.

María Rozas agradeceu aos organizadores "o feito de teren escollido a nosa cidade para a celebración deste evento, o que permite dinamizala aínda máis en temporada baixa". A concelleira destacou tamén que "estes eventos son moi atractivos para que se acheguen a Compostela persoas de diversa procedencia, non só desde Santiago ou Galicia e tamén é de agradecer", e sinalou que "a Feira permita ver obxectos de tempos pasados, case que como unha cuestión de romanticismo".

Para Ángel Moix, membro da organización, é resaltábel o feito de ser esta a quinta edición, "porque amosa que se está convertendo nunha cita moi especial no vintage, sobre todo en xente máis nova". Ángel Moix fixo fincapé en que é precisamente a xente moza a que "lle está a dar un empurrón a estas feiras", algo que acontece en "cidades como Madrid ou Bilbao".

Nesta quinta feira haberá arredor de 30.000 pezas e 45 expositores de diversos países de Europa. En palabras de Ángel Moix, "calquera cousa que imaxinemos estará alí con cousas especiais, que nos levarán a unha viaxe cara ao pasado". A recente revalorización dos produtos antigos e vintage fan que esta feira teña cada vez máis adeptos.

Marycruz Madrid, tamén organizadora, anunciou que o domingo sortearase "unha peza que escolleremos da tenda" e animou tamén á veciñanza de Compostela e da contorna a que se animen, non só a mercar os produtos, senón tamén a intentar venderllos aos expositores.

Os organizadores amosáronse moi satisfeitos pola acollida que, ano a ano, ten este evento e que se ve no feito de que "a maioría dos expositores repiten" a pesar de que, dende a organización, se intenta apostar por unha maior rotación para "darlle unha oportunidade a outras persoas e que sexa máis viva a feira". A inauguración será o vindeiro venres 27 de xaneiro a partir das 17.00 horas e estará aberta ata as 21 horas. O sábado e o domingo o horario irá dende as 11 da mañá ata as 14.30 horas e dende as 16.30 ata as 21 horas.

Para máis información sobre esta Feira da Antigüidades, consulta esta páxina

Compartir: