ACCIÓN CULTURAL

Aberta a inscrición no desfile do martes de Entroido

23/01/2018 Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no desfile-concurso do martes de Entroido, que se celebrará o 13 de febreiro. O Concello premiará as mellores carrozas, comparsas, grupos, parelllas e disfraces individuais, así como a mellor comparsa procedente das parroquias e barrios de Compostela.

As inscricións deberán formalizarse no departamento de Festas, localizado no Teatro Principal, antes das 14.00 horas do 12 de febreiro. Para as carrozas haberá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. No caso das comparsas, que estarán compostas por un mínimo de 15 persoas, entregaranse premios de 2.400, 2.000 e 1.000 euros. Na categoría de grupos, formados por entre 6 e 15 persoas, hai tamén tres premios, de 800, 400 e 200 euros.

Ademais, entregarase un premio de 400 euros á mellor parella; e tres premios aos mellores disfraces individuais, de 300, 200 e 100 euros. Por último, recoñeceranse as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios de Santiago, con tres premios de 1.200, 600 e 400 euros.

O desfile do martes de Entroido sairá da avenida de Ferrol, por mor das obras que se están executando na Estación do Ferrocarril, habitual punto de inicio da comitiva. As carrozas e comparsas percorrerán as rúas de Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na Avenida da Coruña. A entrega de premios terá lugar na Sala Capitol.

CONSULTA AS BASES E DESCARGA AS SOLICITUDES DE INSCRICIÓN NOS DOCUMENTOS RELACIONADOS.

Compartir: