NADAL

Case 120.000 persoas participan nas actividades programadas polo Concello durante este Nadal

08/01/2018 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, fixo esta mañá un balance da afluencia ás actividades programadas polo Concello durante este Nadal. Tal e como sinalou Novoneyra, "estamos moi satisfeitos e satisfeitas da acollida que tiveron as accións, non só polo número de persoas participantes, senón tamén polo retorno que tivemos ao longo das festas".

A concelleira definiu Compostela como unha das cidades galegas cunha maior e máis variada programación para o Nadal, o que se traduce "nunha alta participación, con case 120.000 asistentes ao máis de medio cento de propostas que tivemos dende principios do mes de decembro". Tamén puxo o foco na transversalidade das actividades, organizadas dende departamentos como Festas, Comercio, Deportes, Mocidade ou Centros Socioculturais.

A actividade máis ilusionante para os nenos e nenas foi, sen dúbida, a Cabalgata de Reis, con 20.000 persoas de todas as idades nas rúas e case 5.000 nunha praza do Obradoiro que acolleu un espectáculo circense de moita calidade. Tamén destacou o Festival Apego, no Auditorio de Galicia, que reuniu o día 30 de decembro a case 600 familias.

Teatro Principal
Máis de 1.500 persoas achegáronse ao Teatro Principal durante as festas navideñas para gozar das actividades teatrais e contacontos que se celebraron. Dentro destas destacan os concertos da Banda Municipal de Música, os días 12, 17 e 28 de decembro, ou o Festival da Escola Municipal de Música, cunha afluencia de 263 persoas.

A ópera Il secreto di Susana, organizada pola Asociación de Amigos da Ópera ou a Gala Pallasos en Rebeldía, foron tamén dúas das actividades que atraeron a máis veciños e veciñas con case 300 e 400 persoas respectivamente.

Comercio
Dentro das actividades programadas destaca o Marcado de Nadal, cunha afluencia de arredor de 25.000 persoas e onde "cómpre sinalar a satisfacción dos artesáns e das artesás polo nivel de ventas. É unha actividade que chegou para quedar e que vén a cubrir unha oferta que non tiñamos", tal e como asegurou a concelleira de Acción Cultural.

Tamén tivo moito éxito o carrusel do Obradoiro, que foi de balde e ao que se subiron aproximadamente 6.000 nenos e nenas. E por último, a pista de xeo, que tivo unha afluencia de 10.000 persoas aproximadamente e que aínda seguirá aberta ata o próximo día 28. Dende o Concello repartíronse entradas entre as entidades sociais da cidade, así como entre as asociacións de comerciantes para que as entreguen cando a veciñanza faga as súas compras.

Mocidade
A programación de Nadal do Concello non só destacou pola programación infantil ou para público adulto, senón tamén por aquela centrada na poboación moza. Así, o obradoiro "Cociñando coas avoas", no que se cubriron as 24 prazas ofertadas (12 por sesión), tivo grande éxito entre os medios e a xente que se achegou a ver a dúas xeracións compartindo tempo na cociña. O contacontos de Nadal do 14 de decembro reuniu a 120 persoas que completaron o aforo do Centro Xove da Almáciga.

Salientaron tamén as actuacións dos coros na rúa o 22 de decembro na praza do Toural e na praza Roxa, con 150 e 200 persoas respectivamente, ou o Coro Encaixe en Abastos, Cervantes e Toural, cunha media de 150 persoas.

Máis actividades
Outra das actividades que tivo moito éxito de público foi o Belén de San Fiz, que por terceiro ano consecutivo se puido visitar na igrexa que leva ese mesmo nome. Por alí achegáronse arredor de 20.000 persoas. Tamén tivo grande éxito de público o Mercado da Estrela, celebrado os días 15, 16 e 17 de decembro e cunha afluencia altísima nos distintos espazos: 9.400 na cantina gourmet, 8.000 na praza 8 de Marzo, 9.340 no Museo do Pobo Galego, 6.000 na Zona C e 7.000 na Casa do Matadoiro.

Dende Deportes cumpriuse a tradición de rematar o ano correndo coa San Silvestre compostelá, na que participaron arredor de 2.000 persoas.

Compartir: