NADAL

Máis variedade que nunca na programación de Nadal deste xoves 28

27/12/2017 O xoves 28 de decembro chega cunha programación de actividades de Nadal moi ampla e variada. O Coro Encaixe, a Gala dos Pallasos en Rebeldía, o Mercado de Salgueiriños e o Concerto de Nadal da Banda Municipal de Música e a Escolanía da Catedral de Santiago marcan o calendario da xornada.

Música, artes escénicas, mercados e obradoiros constitúen a oferta programática da xornada do xoves. Tras a actuación do coro de Compostela en Escena na praza do Toural e na praza Roxa do pasado venres, é a quenda do Coro Encaixe, que actuará ás 12:30 horas no Mercado de Abastos. Logo desprazaranse á praza de Cervantes e rematarán na praza do Toural. Un roteiro musical no que nos agasallarán coas súas voces.

A oferta musical complétase co Concerto de Nadal de Escola Municipal de Música e a Escolanía da Catedral de Santiago. Serán interpretadas obras de Otto Nicolai, John Rutter, Andries van Tonder, Antonio Rodríguez, Jim Papoulis e Bret Appermont, e tamén temas tradicionais. Con José Luis Vázquez López (director da Escolanía) e Casiano Mouriño Maquieira (director da Banda Municipal). A propia Catedral será o escenario do evento ás 21:00 horas.

Pallasos en Rebeldía
O Teatro Principal acollerá ás 18:30 horas a Gala de Pallasos en Rebeldía. Isabel Risco presentará esta gala solidaria con Festiclown Palestina organizada por Pallas@s en Rebeldía. Un espectáculo cheo de humor, maxia, música e circo, coa presenza de Píscore Teatro, Circo Chosco, Raquel Veganzones, Dani García, Paco Nogueiras e Uxía. Trátase dunha actividade para todos os públicos.

A partir das 11:00 horas celebraranse as actividades do Efecto Proximidade no Mercado de Salgueiriños. Un evento que conxuga elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos. Comezará cun pasarúas da man Habelas Hainas. En paralelo, haberá un espazo infantil de xogos tradicionais coa Cooperativa Miudiño. De 12:00 a 13:30 h realizarase unha degustación de caldos e cremas quentes e, dende ás 12:30 ás 13:30 horas, terá lugar o concerto Cantos de Cego da Galiza e Portugal, con Ariel Ninas e César Prata.

Deporte no Nadal
A praza Roxa acolle gran parte das actividades deportivas da programación do Nadal. Quen se achegue á céntrica praza poderá gozar da práctica dos xogos máis tradicionais, como os bolos celtas, a rá, a estornela, a chave, a comba, o tiro de corda, o trompo, etc. Poderán participar tanto nenos e nenas como persoas adultas, gozando dunha proposta de xogo e lecer diferente. Esta actividade está organizada pola Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela e o Departamento de Deportes do Concello de Santiago. O horario é de 11:00 a 14:00 horas. A participación non ten custo.

No mesmo lugar terá lugar un obradoiro para iniciarse nos labores e operacións elementais de arranxo e posta a punto dunha bicicleta, tales como cambio de pneumáticos, tronchado de cadeas e engraxe, parcheados, axustes de altura de sillín e manillar, etc. O Club Ciclista Compostelano e Departamento de Deportes do Concello de Santiago organizan esta actividade, que comezará ás 17:00 horas e na cal se pode participar de balde.

Paseo Scórpio de Carvalho Calero en Compostela
Os amantes da literatura teñen neste roteiro unha das alternativas más atractivas da programación de Nadal. Con saída na casa natal do escritor,
en Carreira do Conde, 4, este paseo rende homenaxe á novela Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, no 30 aniversario da súa publicación. Os asistentes percorrerán espazos da cidade relacionados tanto co autor coma coa obra e o seu tempo. Esta é unha actividade dirixida a público adulto, con inscrición previa e de balde en paseos.compostela@maos.gal.

O Apalpador
O Apalpador continúa as súas visitas á rede de centros socioculturais de Compostela. Mañá xoves pasará polo CSC das Fontiñas (18:30 h) e polo LSC do Romaño (19:00 h). Alí, narrará contos e lendas de Nadal. Ademais, haberá pequenos agasallos e caramelos para todos e todas.

Direcciones relacionadas



Compartir: