CULTURA

A Banda Municipal e a Escolanía da Catedral ofrecen este xoves un concerto especial de Nadal

27/12/2017 A concelleira de Cultura, Branca Novoneyra, xunto co director da Banda Municipal, Casiano Mouriño, e o director do Coro da Escolanía da Catedral, José Luis Vázquez, presentaron o concerto de Nadal que se celebrará na Catedral mañá xoves, 28 de decembro, ás 21:00 horas. A entrada ao concerto é de balde ata completar aforo.

Branca Novoneyra lembrou que non é a primeira vez que a Banda e a Escolanía se xuntan para un concerto. Así, no mes de abril, realizaran unha actuación conxunta no Parque de San Domingos de Bonaval, dentro do Ciclo de Primavera da formación municipal. Neste sentido, a concelleira enmarcou esta colaboración na filosofía da Concellaría e do director da Banda, Casiano Mouriño, de "busca de colaboracións con outras agrupacións da cidade e de novas audiencias". Estes concertos conxuntos serán habituais en 2018, no marco da celebración do 170 aniversario da Banda.

O director da formación municipal, Casiano Mouriño, salientou o carácter especial deste concerto, xa que, "ademais de actuar nun lugar emblemático como a Catedral, facémolo xunto a un gran coro como é o da Escolanía". A actuación serve de peche ao Ciclo de Outono da Banda, un programa do que destacou os concertos didácticos e a colaboración de tres directores convidados.

Sobre o repertorio deste concerto de Nadal, Mouriño destacou as panxoliñas, músicas procedentes de países como Sudáfrica, pezas espirituais ou os cantos de berce galegos. Todo coa intención de dar un especial protagonismo ao mundo infantil nesta actuación.

Pola súa parte, José Luis Vázquez, director da Escolanía da Catedral, indicou que, para a formación, o concerto supón tamén a apertura dos actos con motivo do seu décimo aniversario. Así, anunciou que esta actuación conxunta, con algunhas pequenas modificacións no programa, repetirase o 7 de xaneiro no Teatro Principal.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: