DEPORTES

Compostela acolle este domingo o Campionato de Galicia de Ciclocross

26/12/2017 Os arredores do Estadio de San Lázaro serán o escenario do circuíto onde se dispute na mañá deste domingo, 31 de decembro, o Campionato de Galicia de Ciclocross. A inscrición aínda segue aberta ata o xoves para unha proba que, á vista das previsións meteorolóxicas, promete espectáculo. Os detalles da carreira foron ofrecidos nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Deporte, Noa Morales; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o presidente do Club Ciclista Muebles Compostela, Manuel Paz.

Noa Morales destacou desta proba "a súa espectacularidade e atractivo visual". Neste sentido, Manuel Paz lembrou que, nesta ocasión, se alongou o circuíto nuns 250 metros, para "darlle máis dureza ao percorrido que xa vimos utilizando dende hai tres anos". Ademais, anunciou que "esta fin de semana teremos moita chuvia, polo que teremos moita lama e polo tanto, un verdadeiro día de ciclocross".

Tamén a esta circunstancia meteorolóxica se referiu Juan Carlos Muñiz, quen apuntou a "estraña tempada que estamos tendo pola falta de auga nas probas de ciclocross, pero esta fin de semana si teremos unha auténtica proba desta disciplina". O presidente da FGC remarcou a relevancia da carreira do domingo 31, porque "é a proba máis importante do ano, que ademais pechará a tempada de ciclocross en Galicia". Deste calendario de carreiras de 2017 lembrou que foi precisamente a proba anterior celebrada en Santiago en novembro, o XVII Trofeo de Ciclocross Concello de Santiago, o que tivo a máxima participación, con 350 participantes. Unha cifra similar de corredores e corredoras é a que se agarda para esta última proba do ano.

A preinscrición neste Campionato de Galicia está abrta ata o xoves 28 ás 22:00 horas. Pode formalizarse a través da web da Federación Galega de Ciclismo. O domingo 31, entre as 08:00 e as 09:00 realizaranse as confirmacións de participantes na proba.

As carreiras arrancarán ás 9:30 horas coa saída da proba de promoción dos federados menores de 15 anos. Seguiranlle as categorías máster e cadetes (10:00 h) e máster 30 e féminas (11:00 h). A proba raíña, coas categorías elite, sub-21 e júnior, comezará ás 12:00 horas. A entrega dos premios farase ás 13:30 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: