NADAL

O Mercado de Nadal e o Belén de San Fiz de Solovio terán horario especial na xornada de Noiteboa

23/12/2017 Gran parte das actividades da programación de Nadal do Concello de Compostela continúan no día de Noiteboa, aínda que algunhas delas modificarán os seus horarios de apertura. É o caso do Mercado de Nadal, que mañá domingo abrirá as portas só ata as 14:30 horas. Pola tarde, permanecerá pechado. Este horario tamén afectará ao Espazo Creativo do Mercado.

O Mercado de Nadal é un lugar onde se poden atopar pezas de decoración, repostería e obxectos do enxoval para estas festas, así como unha fantástica representación da nosa artesanía. Ademais, namentres se descobre o mellor das nosas e dos nosos artesáns, pódese tomar un delicioso chocolate quente acompañado duns churros.

Máis información sobre os 87 comercios e artesáns participantess e a programación completa no enderezo web comercio.santiagodecompostela.gal.

Outra das actividades que altera o seu horario xeral é o Belén de San Fiz, que pechará as súas portas ás 19:00 horas, dúas horas antes do habitual. Este Belén – cedido e montado por José Uzal- compónse de máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, todas feitas á man, obtendo un nacemento con diferentes escenas, pezas en movemento e, inclusive, iluminación.

A igrexa de San Fiz, fundamental na historia fundacional de Santiago de Compostela, permanece habitualmente pechada ao público, polo que a exhibición do Belén brinda unha ocasión inmellorable para visitala.

Pola súa banda, a exposición De tendas: o comercio, emblema dunha cidade pechará as súas portas mañá e luns, retomando o seu horario habitual o martes. Esta exposición fotográfica, situada na Sede Afundación, achéganos aos espazos seleccionados en 2017 como comercios emblemáticos da cidade de Santiago de Compostela polos membros da Mesa de Comercio. O horario de acceso ao público é de luns a domingos, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada é de balde.

Con todo, actividades como a pista de xeo do Paseo da Alameda e o carrusel de cabaliños da praza do Obradoiro manterán o seu horario de apertura habitual.

Direccións relacionadas



Compartir: