ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal acolle dúas representacións de "Nacidas libres"

20/12/2017 Tras o éxito de As do peixe, e seguindo cunha liña de traballo arredor da indagación, a reflexión e o teatro do documento, a compañía galega Contraproducións, conducida por Cándido Pazó e Belén Pichel, volve a Santiago con Nacidas libres. A nova peza, con texto de Pazó, dirección de Marta Domínguez e interpretación de Mónica Caamaño, Rocío González, Susana Dans e Casilda Alfaro, ten dúas funcións programadas no Teatro Principal: o xoves 21 e o venres 22 ás 20:30 horas.

Nacidas libres repite as chaves dunha aposta teatral comprometida coa pescuda de temas e argumentos de actualidade, cunha notoria presenza feminina nos procesos creativos e coa reflexión sobre a condición da muller dende diferentes contornas e perspectivas. A obra retrata a situación de catro actrices que, faltas de ofertas de traballo, deciden autoempregarse e compor o seu propio espectáculo. Fano a partir dunha nova que atopan nos xornais, arredor dunhas monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Compostela.

"Catro actrices que interpretan unha ducia de personaxes. Un escenario no que se representan os máis variados espazos e situacións. Un espectáculo para pensar e desfrutar, emocionarse e divertirse". Así definen a obra dende a compañía Contraproducións.

As entradas para ambos pases teñen un prezo de dez euros e están xa a venda no despacho de billetes do Teatro Principal, na web de Abanca e no teléfono 981 910 544 .

Compartir: