EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Homenaxe teatral e floral a Xosé Mosquera Pérez, "O vello dos contos"

20/12/2017 O IES Rosalía de Castro acolleu a representación O vello dos contos volta a Compostela, nunha homenaxe ao que fora o primeiro autor radiofónico de Galicia, Xosé Mosquera Pérez. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, participou neste acto, no que tamén se anunciou a creación, para o curso 2018-2019, do I Premio Xosé Mosquera Pérez de Radioteatro. A lembranza completouse cunha parada na que fora a casa do homenaxeado, na rúa do Franco, e cunha ofrenda floral nos xardíns de Mosquera Pérez, en Pelamios.

O acto de homenaxe a Xosé Mosquera Pérez no IES Rosalía de Castro comezou coa intervención do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quen recitou o poema "Adiós ríos, adiós fontes". Cómpre lembrar que Mosquera Pérez foi un dos principais promotores da creación do Padroado Rosalía de Castro, agora Fundación. Na cerimonia tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, e a filla do homenaxeado, Dolores Mosquera.

A representación de O vello dos contos volta a Compostela estivo guiada por Aser Álvarez e contou tamén coa interpretación do escritor Suso de Toro. "Xosé Mosquera foi un dos primeiros que comprendeu que a radio sen fíos podería ser un bo altofalante para a cultura galega e para facer país", indicou o propio narrador tras a sesión teatral para explicar a homenaxe. El tamén anunciou a creación do I Premio Xosé Mosquera Pérez de Radioteatro, un certame que se porá en marcha no curso 2018-2019 e no que poderán participar os centros escolares de Galicia.

Despois do acto no IES Rosalía de Castro, fíxose unha parada na rúa do Franco, diante da que fora a casa de Mosquera Pérez. Alí, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, lembrou que, nese mesmo lugar, "o ano pasado descubrimos unha placa na memoria deste autor e valedor da cultura do noso país, unha placa que leva o nome do homenaxeado e os motivos polos que se lle dedicou a mesma".

A homenaxe rematou nos xardíns de Mosquera Pérez, no barrio compostelán de Pelamios, onde se realizou unha ofrenda e onde interveu a filla do autor radiofónico, Dolores Mosquera, quen agradeceu que "o IES Rosalía de Castro, onde eu estudei, lembrase con tanto agarimo a figura do meu pai". Ademais, rememorou "a mesma ledicia que sentín cando se inaugurou este parque en tempos de Fernández Albor e Xerardo Estévez".

Pechou o acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, dirixíndose ao alumnado do IES Rosalía de Castro. "Este acto vai para todos e todas vós, porque o día de mañá ao mellor sae un novo Xosé Mosquera, tendo en conta a tecnoloxía coa que contades nestes tempos e pensando nas escasas posibilidades tecnolóxicas que tiñan daquela os pioneiros da radio".

Direccións relacionadas



Compartir: