DEPORTE

Todo listo para a quinta edición da San Silvestre, que reunirá en Compostela a centos de atletas

20/12/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá os detalles da V edición da San Silvestre, proba que remata o ciclo de carreiras saudables do ano. A concelleira estivo acompañada polo delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, Iván Sanmartín, e polos corredores Amador Pena e Esther Pedrosa.

Noa Morales explicou que "a idea deste tipo de carreiras é continuar na senda da concienciación sobre os beneficios da actividade física regular para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Esta proba ademais é perfecta, no tocante ao percorrido e a distancia, para gozar en familia".

A proba terá lugar o 31 de decembro ás 18:00 horas e nela poden participar tanto persoas adultas como escolares, tendo a inscrición gratuíta na categoría absoluta todas aquelas persoas que estiveran inscritas no circuíto CorreSan deste ano, que gañou Amador Pena. O propio atleta fixo fincapé en que se trata dunha carreira que "vai indo a máis ano a ano e coa novidade nesta ocasión das saídas diferenciadas para aqueles corredores que queren competir e para os que desexan facelo de forma lúdica", e cualificou o entorno como "incomparable".

Iván Sanmartín lembrou que o ano pasado foron máis de 2.000 as persoas inscritas e definiu esta carreira como "unha proba popular na que teñen cabida atletas de elite e calquera persoa que queira despedir o ano correndo".

Finalmente, Esther Pedrosa recordou que ela fora "unha das primeiras en correr a San Silvestre", ao mesmo tempo que animou á veciñanza a "despedir o ano de forma espectacular, correndo en compañía".

Percorrido
A carreira comezará ás 18:00 horas na praza do Obradoiro e percorrerá as rúas de San Francisco, Carretas, Trindade, Travesa de Fonseca, Franco, Fonseca, Vilar, praza do Toural e Bautizados, ata chegar á Alameda, onde haberá ademais animación para os corredores e corredoras. Posteriormente, a proba irá por Xoán Carlos I, Senra, Virxe da Cerca, Casas Reais, Entremuros, Algalia de Abaixo, praza de Cervantes, Azabachería, Vía Sacra, San Paio de Antealtares, Conga e rúa Nova, para volver pola rúa do Vilar ata a praza do Obradoiro. O circuíto ten unha lonxitude de 5,5 quilómetros.

A inscrición pode facerse de forma online en www.sansilvestresantiago.com ou presencialmente no Multiusos Fontes do Sar e no Polideportivo de Santa Isabel. A data límite é o vindeiro 28 de decembro.

Compartir: