ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade convoca unha edición especial do programa "Aula de Patrimonio"

18/12/2017 O Grupo de Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade convoca unha edición especial do programa pedagóxico para escolares Aula de Patrimonio. Esta convocatoria faise co gallo do 25 aniversario da creación do Grupo, polo que se modificaron as bases para orientalas ao programa de valores culturais que representa o conxunto das 15 cidades españolas que son Patrimonio da Humanidade. Aula de Patrimonio tamén se encadra no 2018 dentro do Ano do Patrimonio Cultural Europeo.

O programa Aula de Patrimonio busca que as persoas máis novas que viven e estudan nalgunha das cidades Patrimonio da Humanidade en España, aprendan a coñecer e valorar a súa cidade e tamén as demais que forman o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. A iniciativa abrangue actividades didácticas que vinculan ao alumnado coa cidade onde viven e coas demais que teñen o título da Unesco. Ademais, a xeito de premio, os mozos e mozas poden viaxar a outra cidade Patrimonio.

As actividades desta Aula de Patrimonio están dirixidas a grupos escolares de centros de Primeiro Ciclo de Educación Secundaria, tanto públicos como concertados. Todos estes centros deben estar situados nas 15 cidades Patrimonio. O alumnado dos centros participantes debe preparar un traballo centrado na importancia de cada unha das cidades na historia de España. O formato do traballo é libre e tense en conta a orixinalidade da proposta. Xunto ao traballo presentado, débese entregar un formulario de inscrición.

Logo de pecharse o prazo de inscrición dos traballos, serán valorados pola Comisión de Educación e Cultura do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que será o xurado do certame. A decisión final do xurado farase pública o 15 de marzo.

O premio será único e vai consistir nunha viaxe da aula gañadora a unha das 15 cidades Patrimonio da Humanidade. Os gastos da viaxe á cidade seleccionada irán por conta do Grupo de Cidades. A aula estará acompañada por un máximo de tres profesores do centro.

As solicitudes de participación enviadas polos centros realizaranse a través do formulario incluído na web do Grupo e deberán enviarse antes do 1 de marzo de 2018.

Aula de Patrimonio é un programa organizado pola Comisión de Educación e Cultural do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, dentro da súa Área de Educación. Esta comisión está presidida polo alcalde de Eivissa/Ibiza, Rafael Ruiz, e formada polos concelleiros de Educación e Cultural das 15 cidades que forman a rede.

Direccións relacionadas



Compartir: