ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal acolle este sábado a estrea da ópera "Il segreto di Susanna"

15/12/2017 A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) estrea mañá sábado, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, a súa segunda produción operística: Il segreto di Susanna (O segredo de Susana). A produción reunirá en escena ao Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), ao actor e dramaturgo Cándido Pazó, á soprano moldava Clara Jelihovschi Panas e ao barítono Javier Franco. O Concello de Santiago colabora nesta peza, que conta tamén co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación da Coruña, e co apoio da Universidade de Santiago, a través da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social. As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal e pódense adquirir a 10 euros.

Con Il segreto di Susanna, peza estreada en 1909 con libreto de Enrico Golisciani e música de Ermanno Wolf-Ferrari, Amigos da Ópera de Santiago dá continuidade á liña de produción que abriu o ano pasado coa ópera Brundibar. A entidade volve confiar a dirección artística a Cándido Pazó, quen, ademais de interpretar un dos papeis da obra, traballará co escenógrafo Carlos Alonso. A interpretación musical correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) que, baixo a dirección de Diego García, acompañará as voces dos xas citados Javier Franco e Clara Jelilohvschi Panas. Os intérpretes que conforman o TAC para esta produción son: James Dahlgren (violín), Nazaret Canosa (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Millán Abeledo (violoncello), Alfonso Morán (contrabaixo) e Nicasio Gradaille (piano).

Il segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto. Un tour de force dun pequeno segredo que vai medrando á par que a inseguridade e a desconfianza de Gil, o marido de Susana; un matrimonio novo que reside no noroeste italiano de Piamonte. A moza omitiu comentarlle ao seu recente esposo que tiña o hábito de fumar ás agochadas. Gil, pola súa parte, decátase do cheiro e pensa que a súa esposa lle é infiel. Inquedo, trata de pescala in fraganti desenvolvendo case unha escena de vodevil na que o seu mordomo, Sante, cómplice de Susana, xogará un papel fundamental. A peza, polo tanto, xira ao redor da intimidade, os segredos, o vicio e os celos, aínda que abordados de xeito inxenuo e sinxelo.

Amigos da Ópera de Santiago
A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) é unha entidade sen ánimo de lucro que opera en Santiago de Compostela e no seu ámbito comarcal. As súas finalidades son o cultivo e o fomento da ópera e de todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan levar a unha expansión e un maior coñecemento da mesma.

Documentos relacionados



Compartir: