ACCIÓN CULTURAL

A Sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta) acolle a estrea galega de "Fragmentada"

15/12/2017 A trapecista e actriz Zenaida Alcalde, da compañía Puntocero, estrea este sábado 16 de decembro, ás 19:00 horas, o seu espectáculo Fragmentada, unha peza de circo-teatro para público a partir de 8-9 anos.

Fragmentada é un espectáculo de teatro físico e trapecio que reflicte a insatisfacción vital dunha persoa que se sinte atrapada nun mundo no que todo ten que ser feito coa maior celeridade, á maior perfección e da forma máis económica, e onde somos xulgados continuamente. En Fragmentada úsase o teatro, o texto, o trapecio e as metáforas visuais para nos transportar a outra realidade na que o tempo se detén e nos pregunta: é que esquecemos quen somos?.

A compañía Puntocero, creada en Gran Bretaña polos madrileños Zenaida Alcalde e Miguel Muñoz, combina de xeito moi orixinal o teatro, o circo e a maxia. Dende a súa formación xeraron catro espectáculos cos que xiraron internacionalmente e obtiveron numerosos galardóns, entre os que se inclúe un premio mundial de maxia no FISM 2015. Colaboraron con prestixiosas compañías internacionais como DV8 Physical Theatre ou Nofitstate Circus e, recentemente, foron parte do casting no novo film de Disney Dumbo, xunto a Tim Burton.

A súa actuación en Compostela chega da man da compañía galega de circo Pistacatro, nunha aposta por ampliar os formatos que se ofrecen ao público compostelán dentro desta arte escénica. Formada por actores de teatro, músicos, malabaristas, acróbatas e clowns en 2006, Pistacatro Productora de Soños leva a cabo dende entón a creación, produción e distribución de numerosos espectáculos de Novo Circo e Cabaré.

As entradas para a función do sábado, teñen un prezo de 3 euros e están á venda no despacho de billetes do Teatro Principal (até a noite do venres) en entradas.abanca.com (ate ás 12:00 h do sábado), e no despacho de billetes do CSC Santa Marta (xa o propio sábado).

Compartir: