DEPORTE

Fútbol sala este domingo a favor da igualdade de xénero e contra a violencia machista

15/12/2017 A Asociación Deportiva A Gaiola celebrará este domingo 17 de decembro, a partir das 17:00 horas, tres partidos de fútbol sala co obxectivo de concienciar á sociedade e ao deporte en concreto contra a violencia machista. O Concello colabora con esta iniciativa, que se desenvolverá no pavillón municipal do Restollal. No último dos partidos participarán persoas coñecidas da televisión e do mundo do espectáculo.

O presidente da Asociación Deportiva A Gaiola, Manuel Reimóndez, explica que dende a formación desta asociación deportiva feminina "sentiamos que había unha percepción estraña por parte da maioría, e mesmo viamos que o fútbol sala feminino non recibía as mesmas contías en axudas que o masculino".

"Desexamos que a xente vexa e comprenda que as mulleres poden participar e xogar partidos mixtos de fútbol", indicou Reimóndez, quen considera que este tipo de iniciativas fomentan entre a sociedade "a eliminación do comportamento machista tanto no deporte como na sociedade".

Tres partidos
O primeiro dos tres partidos será de categoría de base e enfrontará a un combinado galego coa S.D. A Gaiola. O segundo, coa mesma fórmula, enfrontará a equipos de categoría sénior. Finalmente, para o último partido formaranse dous equipos con persoeiros destacados do mundo do espectáculo e da televisión. Entre partido e partido haberá exhibicións de patinaxe e de ballet moderno.

Compartir: