CULTURA

A Banda Municipal de Música de Santiago leva ao Principal o programa "Mirando ao Sur"

01/12/2017 Mirando ao Sur é a proposta musical coa que a Banda Municipal de Música de Santiago abre a o mes de decembro no Principal. O domingo día 3, ás 12:00 horas, a formación que dirixe Casiano Mouriño interpretará un programa con obras de Miguel Sánchez, Ángel Carreño, Julie Giroux, Pascual Piqueras e unha selección de cancións con texto de Federico García Lorca. José Antonio Guerero é o director convidado nesta ocasión e será na voz do cantaor Juan Pinilla que escoitaremos os versos do poeta de Granada. O concerto é de entrada libre até completar aforo.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou este venres o espectáculo nunha rolda de prensa na que estivo acompañada do director titular da BMSC, Casiano Mouriño, e de José Antonio Guerrero e Juan Pinilla. Novoneyra agradeceu súa presenza en Compostela e puxo en valor a colaboración da Banda con outros músicos e formacións que diversifican e completan a súa proposta musical.

O concerto enmárcase dentro do Ciclo de Outono da Banda e, en palabras de Branca Novoneyra, "pon en valor a colaboración da Banda de Música de Santiago de Compostela con outros músicos e formacións para ampliar a súa oferta musical". Pola súa parte, Casiano Mouriño, destacou que con esta actuación "abrimos unha xanela que mira cara o sur, ao seu folclore e a súa música. É unha proposta diferente".

O director convidado, José Antonio Guerrero, salientou que se trata dun programa con cancións populares, no exactamente flamencas, pero "Juan Pinilla, coa súa tonalidade de voz, será quen de darlle ese son flamenco". Incidindo nisto, o cantaor apuntou que "o flamenco está presente porque eu canto flamenco, pero son cancións populares de Federico García Lorca, que ademais de poeta foi un grandísimo compositor", especialmente por "esa forma de xermolar na súa poesía o popular, que é tan difícil, como na súa música esa literalidade musical".

José Antonio Guerrero e Juan Pinilla
José Antonio Guerrero é natural da localidade granadina de Illora. Director artístico e musical, ademais de pedagogo musical, na actualidade é director titular da Orquesta Sinfónica Ciudad de Atarfe (OSCA) e da Banda Municipal de Música Ciudad de Atarfe (BSMMCA), cunha ampla programación e proxectos activos en ambas agrupacións.

Juan Pinilla, cantaor granadino cun amplo recoñecemento internacional, conta con cinco traballos discográficos e unha vintena de premios estatais. Obtivo premios como o Lámpara Minera (2007), ou a nominación ao Grammy Latino (2014) polo disco Jugar con fuego e foi recoñecido como fillo predilecto da Provincia de Granada (2014). Actuou en países como Xapón, EEUU, México, Alemaña, Brasil, Cuba, Marrocos e un longo etcétera. Complementa a súa traxectoria musical cun importante labor docente.

Documentos relacionados



Compartir: