XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada pola Xunta de Goberno a reurbanización de Rapa da Folla

01/12/2017 A Xunta de Goberno adxudicou este venres as obras de reurbanización da rúa Rapa da Folla, ás que se vai destinar un orzamento de case 35.000 euros, IVE incluído. A actuación correrá a cargo da empresa JSTOP.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "de acordo co sector do comercio, as obras non comezarán ata pasada a temporada do Nadal". Incidiu ademais en que "a actuación aféctalle a un tramo moi pequeno da rúa, porque Rapa da Folla xa se viu afectada polas obras de reurbanización tanto de Montero Ríos como de Carreira do Conde".

Novo proxecto de acondicionamento da senda do río Sar
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o proxecto de acondicionamento do río Sar, na conexión da senda verde Pontepedriña-Conxo. O alcalde explicou que estas obras non poderán comezar ata que o Concello reciba a correspondente autorización de Augas de Galicia. A actuación ten un orzamento de case 40.000 euros e un prazo de execución de nove meses. O seu obxectivo é o acondicionamento da plataforma de entrada ao túnel da vía do ferrocarril, para recuperar o camiño tradicional existente no contorno de Ponte Pereda. Ademais, iluminarase o túnel mediante un sistema de tiras led.

Convenios
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén recibiron luz verde dous convenios: un co Conservatorio de Música Tradicional e Folque que supón unha achega municipal de 20.000 euros, e outro coa Universidade de Santiago para Formación e Cooperación, que contempla unha achega de 8.000 euros. Tamén se deu conta da sinatura do acordo coa Cámara de Comercio, cunha achega do Concello de 9.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: