TURISMO E ACCIÓN CULTURAL

O Mercado da Estrela enriquece a súa 6ª edición con actividades os días 15, 16 e 17 de decembro

30/11/2017 As concelleiras de Turismo, Marta Lois, e de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xunto as directoras do Mercado da Estrela, Mónica Mejías e Elena Sánchez, presentaron no Pazo de Raxoi a sexta edición desta iniciativa, que se celebrará os días 15, 16 e 17 de decembro coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. O Mercado da Estrela, polo que en 2016 pasaron 10.000 persoas, chega a esta sexta edición convertido nun festival urbano de inverno gratuíto para visibilizar o talento das persoas creadoras, artistas, artesáns, produtoras e emprendedoras de Galicia.

Cunha asentada traxectoria na cidade dende 2012, o Mercado da Estrela amplía os seus contidos consolidándose como unha iniciativa lúdico-cultural que, baixo o lema "Agasalla talento galego", continúa fiel á idea de apostar polos produtos galegos nos agasallos das festas e ofrecer unha programación de balde para os reencontros e os brindes previos a Noiteboa.

Marta Lois destacou a implicación nesta edición das concellarías de Turismo e de Acción Cultural "co gallo de mellorar, se cabe, os xa fantásticos datos que tivo o Mercado o ano pasado, con preto de 10.000 persoas". Pola súa banda, Branca Novoneyra definiuno como "un dos eventos lúdico-culturais máis destacados e de mellor acollida da programación anual da cidade, que se erixe coma un punto de encontro heteroxéneo, plural, aberto, interxeneracional e atractivo para reivindicar o valor dos produtos de proximidade".

Cinco espazos
A Feira Creativa ubicarase no Claustro do Museo do Pobo Galego, na Zona C e na Casa do Matadoiro, con marcas de complementos, bixutería e xoiaría, robótica, ilustración, decoración, cerámica, mobiliario, obxectos para o fogar, etc. Na praza 8 de Marzo instalaranse vehículos de comida que ofrecerán unha apetecible oferta gastronómica que os visitantes poderán degustar dinamizados por sesión DJ dende a tarde do venres 15.

A Carpa Cantina Gourmet ampliará a carta de restauración e será o espazo no que se desenvolverán os concertos das bandas de indie, latino, pop e rock que participarán na 6ª edición da iniciativa. O Mercado contará ademais con múltiples actividades, como un pase de videoclips galegos e un picnic para familias no Museo do Pobo Galego, obradoiros creativos e unha zona solidaria na Casa do Matadoiro, ou un servizo de gardería-ludoteca de balde no antigo Hospital de San Roque.

O Mercado da Estrela configúrase así como unha proposta moderna e integradora de música, artesanía, gastronomía, solidariedade, creatividade, ocio, compras e novas tendencias que servirá como atractivo para turistas, visitantes e poboación local e que reunirá a creadores, artistas, artesáns, produtores e emprendedores chegados dende toda Galicia para dar a coñecer as súas pezas, produtos, creación e elaboracións nas datas previas ao Nadal.

O horario do Mercado da Estrela será de 19:00 horas en adiante o venres 15 de decembro, con música e gastronomía na Cantina Gourmet e na Zona Foodtruck, e de 11:00 horas ata a madrugada o resto da fin de semana. Na Feira Creativa, os horarios de apertura serán de 11:00 a 21:00 horas o sábado 16 e o domingo 17. Para máis información poden consultarse as redes sociais do evento.

Direccións relacionadas



Compartir: