ACCIÓN CULTURAL

O circo-teatro de Tresperté desembarca no Auditorio de Galicia con "Oopart"

28/11/2017 A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia convértese este venres en pista circense para acoller a fantasía e as acrobacias de Oopart, o último traballo da compañía andaluza Tresperté. O espectáculo, con dirección e creación de Antonio J. Gómez e música de Iván Monje, propón unha aventura a través do tempo, unha imaxinativa viaxe entre risos e brincadeiras que promete engaiolar ao público grande e miúdo.

A compañía chega a Compostela logo dunha aplaudida xira galega que os fixo transitar polo Centro Ágora da Coruña, o Pazo da Cultura de Pontevedra e o Auditorio Municipal de Vigo. As entradas para a función do venres 1 de decembro, ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia, teñen un prezo de 9 euros e pódense adquirir de forma anticipada no despacho de billetes do Teatro Principal e na web de Abanca. O mesmo día do espectáculo estarán tamén á venda no despacho de billetes do Auditorio.

A sinopse do Oopart, Historia dun contratempo conta como "unha peculiar tripulación recentemente chegada dunha viaxe a través do tempo aterra ante os nosos ollos e nos presenta a grande oportunidade de facer viaxes no tempo por un módico prezo. Para iso farán gala dos seus mellores reclamos e os seus asombrosos números circenses. Pero hoxe non é un día calquera na súa rutina como vendedores ambulantes. Manipular o tempo ten por veces as súas consecuencias. O xentío agarda expectante para ver a sorpresa que lles deparará o trebello mecánico temporal situade ante os seus ollos. Nada é o que parece nesta aventura a través do tempo"

Oopart recibiu o Premio Fetén 2017 á mellor música orixinal e en 2016 colleitou outros catro galardóns nas categorías de iluminación, escenografía, vestiario e espectáculo de rúa dos Premios do Circo Andaluz.

Direccións relacionadas



Compartir: