CONSORCIO

"Nemo e Sabela polos parques de Compostela", un conto infantil que amosa as historias agochadas tras os espazos verdes da cidade

28/11/2017 O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións acaban de publicar Nemo e Sabela polos parques de Compostela, un conto infantil que amosa as historias que se agochan tras os espazos verdes máis emblemáticos da cidade. É unha obra de Paco López-Barxas, con ilustracións de Isabel Pintado. Presentábase esta mañá na sede do Consorcio, coa presenza, ademais dos autores, do alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde; e o director de Teófilo Comunicación, José Luis Teófilo.

Os protagonistas desta historia son dous gatos, Nemo e Sabela, que son irmáns. Ela coñece moitas historias da cidade e cóntallas ao seu irmán ao longo dun percorrido polos parques máis representativos de Compostela. O periplo comeza no parque de San Domingos de Bonaval, dende onde divisan as torres da Catedral e os tellados da cidade. Na súa viaxe vanse atopando cunha serie de esculturas, como a Porta da Música de Chillida en Bonaval, edificios emblemáticos como o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo do Pobo Galego, espazos naturais, fontes…

Chegan ao Parque de Música en Compostela e topan coa escultura de Eugenio Granell. Logo recalan no parque da Alameda, onde descobren a Porta dos Leóns, Valle-Inclán contemplando a Catedral, árbores xigantescas e centenarias, a estatua de Rosalía de Castro, o banco dos namorados, a escalinata que une a Alameda co campus universitario, o palco da música, as Marías… Van xogar ás agachadas aos labirintos do parque de Belvís. E de aí chegan ao parque Eugenio Granell no Paxonal, a través das Brañas do Sar. Percorren espazos verdes como o paseo fluvial do río Sarela e a Granxa do Xesto, ata que, finalmente, rematan a súa andaina no monte Pedroso.

Santiago, unhas das cidades españolas con máis zonas verdes
Tal como explicou o autor da publicación, Paco López-Barxas, "Santiago é unha das cidades con máis zonas verdes de toda España. A finalidade deste conto é, pois, achegar aos máis pequenos os parques tan impresionantes que hai en Compostela, as esculturas e elementos culturais que se alzan en cada un, así como as posibilidades que ofrecen para divertirse neles, como é o caso dos labirintos que hai en Belvís". E engadiu que "o relato móvese entre a ficción e a realidade, de cara a atraer a atención dos máis pequenos".

O autor salientou o "carácter didáctico" da obra, "de interese para os colexios, que poden realizar visitas turísticas, unha maneira diferente e amena de achegarse aos parques da cidade". E sinalou que a través da publicación se destaca o labor de protección e de creación cultural que ao longo destes anos houbo nos espazos verdes da cidade por parte do Concello e do propio Consorcio de Santiago.

A xerente do Consorcio, Belén Hernández, referiuse á "posta en valor dos parques de Compostela, máis alá do patrimonio pétreo" e destacou a importancia de que sexa un libro para nenos, "herdeiros e responsables dunha cidade que está no imaxinario colectivo de moita xente en todo o mundo". Pola súa parte, o alcalde, Martiño Noriega, falou desta publicación como "unha porta de entrada para os nenos, pero tamén para os adultos, ás zonas verdes e ao patrimonio material da cidade, xa que nela cobran protagonismo tanto esculturas como edificios emblemáticos de Compostela".

O protagonismo das ilustracións
Paco López-Barxas indicou que as ilustracións son "as grandes protagonistas" desta publicación. "Optamos por facer un libro de gran formato para destacar a beleza dos parques a través das ilustracións, unhas ilustracións marabillosas, realizadas cun realismo admirable, que sen dúbida van atraer aos pequenos lectores", manifestou.

As ilustracións, un total de 25, son da pintora madrileña afincada en Galicia Isabel Pintado. "Primeiro fixen un traballo de documentación, visitei todos os parques, escollendo os motivos que ían ir en cada páxina en base aos textos. E quedei moi sorprendida porque descoñecía que houbese tantas zonas verdes na cidade", afirmou. Todas as ilustracións son manuais, para o que a artista empregou a técnica de pintura ao pastel sobre papel.

Compartir: