CONSORCIO

Jonathan Webb ponse esta semana á fronte da Real Filharmonía de Galicia

28/11/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar mañá mércores, día 29, na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O xoves, a orquestra desprazarase a Vigo, onde tocará no Teatro Afundación, tamén ás 20:30 horas. A batuta de ambos concertos levaraa o principal director convidado da agrupación, o mestre londinense Jonathan Webb.

Os concertos comezarán coa Obertura para pequena orquestra do compositor checo Hans Krása (1899-1944). E continuarán coa Sinfonietta giocosa para piano e orquestra do tamén checo Bohuslav Martinu (1890-1959), que será interpretada polo pianista galego Nicasio Gradaille como solista.

Formado en Galicia, Cataluña e Suíza, Gradaille é profesor no Conservatorio Superior de Música de Vigo, cidade na que está afincado. É pianista e membro fundador do Taller Atlántico Contemporáneo. É Doutor pola Universidade de Vigo, cunha tese sobre o Concerto para piano de John Cage. Deste compositor gravou para a Radio Galega as súas Sonatas e interludios e impartiu seminarios sobre a súa obra para piano en diversos conservatorios europeos, entre eles os de Gante, Leeds, Viena, Aveiro ou Londres. Foi galardoado en diferentes certames nacionais e internacionais.

Os concertos de Santiago e Vigo concluirán coa Sinfonía nº 4 de Antonín Dvořák (1841-1904), considerado o principal representante do nacionalismo checo na música.

A batuta destes concertos levaraa Jonathan Webb, principal director convidado da Real Filharmonía de Galicia dende outubro de 2016 e actual director musical da Camerata Strumentale "Città di Prato". Estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. É invitado con frecuencia en salas de concertos de toda Europa e dirixe agrupacións en Israel, China, Xapón… Dirixiu un concerto no Coliseo de Roma, o primeiro que se celebraba en 1.500 anos, con motivo da celebración "Colosseo 2000".

Compartir: