IGUALDADE

Continúa aberto ata o 31 de decembro o prazo de presentación de traballos ao II Premio Xohana Torres

28/11/2017 O prazo para a presentación de orixinais ao II Premio Xohana Torres, de ensaio e creación audiovisual sobre a memoria histórica das mulleres de Compostela, segue aberto ata o 31 de decembro. O galardón, convocado pola Concellaría de Igualdade, recoñece aqueles traballos que exploran a participación social e política de mulleres compostelás e a reconstrución da súa memoria histórica. Ao certame poden presentarse ensaios literarios ou científicos ou traballos audiovisuais.

Este Premio Xohana Torres encádrase nas medidas da Concellaría de Igualdade para potenciar a presenza e o recoñecemento social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. Ademais, búscase visibilizar as súas achegas ao longo da historia, promocionar a igualdade efectiva entre mulleres e homes e erradicar as diferentes formas de discriminación e desigualdade que viven a día de hoxe as mulleres.

As obras orixinais presentadas a este certame deberán estar escritas en lingua galega. Non se empregará unha linguaxe sexista ou discriminatoria cara as mulleres. Entregaranse dous premios de 2.500 euros -un para a modalidade de ensaio e outro para a modalidade audiovisua- a conta dos dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela.

O xurado estará formado polo alcalde de Santiago ou concelleira/o en que delegue, o reitor da USC ou persoa na que delegue, e seis profesores/as do ámbito da ciencia política, da filosofía, da historia, da antropoloxía ou da literatura e do xornalismo ou da comunicación audiovisual. Actuará como secretario/a do xurado, o secretario xeral do Concello de Santiago ou funcionaria/o en que delegue.

Direccións relacionadas



Compartir: