IGUALDADE

Marta Lois participou no acto da USC polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

27/11/2017 A educación é unha ferramenta fundamental para a erradicación da violencia de xénero, e como tal "é no ámbito educativo onde se deben deseñar e implementar proxectos e estratexias para previla, sendo este o primeiro paso para acadar un auténtico modelo educativo igualitario, capaz de rachar cos mitos, estereotipos e prácticas discriminatorias no referente ao xénero". Así comeza o manifesto de rexeitamento da violencia lido este luns no acto de conmemoración da USC do 25N, ao que asistiu a concelleira de Igualdade, Marta Lois.

Para pór fin a esa violencia, continúa o manifesto, é preciso "cambiar os esquemas tradicionais sobre como deben comportarse mulleres e homes e que o feminino e o masculino sexan valorados igualmente". Por iso é importante traballar, desde a educación, coas xeracións máis novas "para evitar que as próximas sigan vivindo e construíndo unha realidade baseada na desigualdade".

O persoal investigador de Ciencias da Educación que redactou o manifesto considera imprescindible un compromiso, individual e colectivo, "que permita deseñar un novo pacto educativo capaz de facer impensable calquera forma de exercer a violencia de xénero". E aquí a universidade xoga, ao seu xuízo, un papel fundamental: "a comunidade universitaria non pode eludir esta responsabilidade porque a erradicación da violencia de xénero é un traballo diario e constante de todas as mulleres e todos os homes que conforman a nosa sociedade".

Compartir: