ALCALDÍA

O Goberno municipal rende contas e recolle as demandas da veciñanza da zona urbana sur

24/11/2017 O alcalde e os concelleiros e concelleiras do Goberno local mantiveron hoxe un novo encontro "Ao vivo", desta vez coa veciñanza da área urbana sur, que engloba os barrios de Conxo, Santa Marta, Choupana, Volta do Castro e Vidán. A reunión celebrouse na Sala Agustín Magán, do Centro Cívico de Santa Marta, e contou coa asistencia de máis de medio cento de veciños e veciñas do ámbito.

Unha das principais preocupacións da veciñanza do ámbito ten que ver co incremento no consumo de drogas e coa aparición de xiringas nalgúns dos barrios, sobre todo no de Santa Marta. Ao respecto, a concelleira de Políticas Sociais lembrou que "estamos ante un repunte mundial no consumo de drogas, con situación de emerxencia social en países como Estados Unidos e Canadá". Concha Fernández explicou que o Goberno quere abordar esta situación "dende a perspectiva social, atendendo tamén ás cuestións de limpeza e ao necesario incremento da vixilancia policial". Nese sentido indicou que o Concello vén de conseguir unha subvención de máis de 100.000 euros para poñer en marcha accións de prevención, fundamentalmente nos centros de ensino.

Tamén o alcalde quixo alertar deste incremento no consumo de drogas, fundamentalmente da heroína. Martiño Noriega expresou a súa preocupación ante este aumento, "que responde a que falta memoria do que representou a vaga no consumo de heroína nos 80, os máis novos non lembran o drama que supuxo e as moitas persoas que morreron polo camiño por mor desa droga". O alcalde comprometeuse a prestarlle especial atención ao que acontece no barrio de Santa Marta.

Mantemento
Os veciños e veciñas que participaron no "Ao vivo" tamén expresaron a necesidade de acometer traballos de mantemento nalgúns puntos, sobre todo en beirarrúas. O alcalde lembrou que "estamos a facer un grande esforzo no mantemento, cun novo e ambicioso contrato ao que destinamos 1,2 millóns de euros". Martiño Noriega explicou que nos próximos meses "faremos un especial esforzo nas reparacións en beirarrúas, atendendo tamén á mellora da accesibilidade".

Tamén houbo reclamacións relativas ao estado das tapas de sumidoiros en Santa Marta, que o concelleiro Xan Duro se comprometeu a revisar.

Colonias felinas
A veciñanza tamén lle preguntou ao Goberno polas medidas previstas para o control da colonia felina de Santa Marta. A concelleira Noa Morales explicou que o departamento de Benestar Animal ten en marcha un proxecto de Captura, Solta e Esterilización (CES) "para controlar a reprodución dos animais". A edil explicou que este sistema "está a funcionar moi ben noutros barrios como o de Fontiñas, e o próximo lugar no que actuaremos será Santa Marta".

Compartir: