XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras da rúa Cañoteira de Meixonfrío

24/11/2017 A Xunta de Goberno adxudicou este venres as obras da segunda fase da mellora de seguridade viaria na rúa Cañoteira de Meixonfrío, ás que se vai destinar un orzamento de algo máis de 150.000 euros. Da actuación, que ten un prazo de execución de catro semanas, encargarase a empresa Marconsa.

A actuación, vinculada a fondos da Deputación da Coruña, permitirá construír sendas peonís en catro tramos da rúa da Cañoteira, conectadas a través de pasos de peóns elevados. Nalgúns puntos tamén sen ampliará o ancho de rodadura da calzada, e substituirase a actual rede de abastecemento de auga.

Outras obras
Na reunión do Goberno local tamén recibiu o visto bo un proxecto que lle afecta á parroquia de Cesar, e que permitirá mellorar o viario desde o entorno da Nacional-550 en Barciela ata Casas de Arriba. As obras terán un tipo máximo de licitación de case 212.000 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de catro meses.

Ademais, hoxe quedaron adxudicadas as obras de instalación de electricidade para o campo deportivo e os vestiarios do campo de fútbol de Lamas de Abade. A actuación custará preto de 70.000 euros, e correrá a cargo de Ferrovial.

Subvencións e convenios
Na xuntanza de hoxe, o Executivo tamén deu conta da sinatura de varios convenios de colaboración: co IES Rosalía de Castro para o Bacharelato Internacional (6.208 euros), co Seminario Galego de Educación para a Paz (2.000 euros) e coa Universidade de Santiago no ámbito da educación non formal e de convivencia (1.000 euros). Ademais, aprobouse a sinatura doutro acordo coa USC, en concreto en materia de igualdade, que suporá unha achega municipal de 11.000 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno deu conta da subvención concedida pola Xunta de Galicia para a posta en marcha de dúas accións formativas dirixidas a mozos e mozas inscritos no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, dedicadas á ensinanza de Operacións de montaxe de redes eléctricas e Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica. A achega autonómica supera os 85.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: