ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa acolle as estreas de tres dos filmes máis premiados deste ano: "Jusqu'à la garde", "As boas maneiras" e "Pendular"

21/11/2017 A programación do Teatro Principal compostelán componse este mércores de catro filmes de estrea nas pantallas galegas: Jusqu’à la garde, de Xavier Legrand; Pendular, de Julia Murat; Erase and forget, de Andrea Luka Zimmerman, e As boas maneiras, de Juliana Rojas e Marco Dutra.

A primeira en proxectarse, ás 16:15 horas, será Erase and forget, un traballo de Andrea Luka Zimmerman. A directora alemá pasou máis de dez anos seguindo a James Gordon 'Bo' Gritz, un ex- oficial das forzas especiais do exército dos Estados Unidos que inspirou personaxes como Rambo ou Hannibal Smith da serie O equipo A. O resultado é Erase and forget, fita nomeada ao mellor documental na pasada edición do Festival de Berlín.

A continuación, ás 18:00 horas, proxectarase Blue my mind, a ópera prima da directora suíza Lisa Brühlmann , un dos traballos máis estimulantes da sección Novos Realizadores do Festival de cine de San Sebastián. Ópera prima é tamén Jusqu’à la garde (Custodia compartida), filme de Xavier Legrand, programado para ás 20:00 h. Sen dúbida, é este un dos filmes máis agardados polo público de Cineuropa, tras acadar os premios de mellor ópera prima e mellor director en Venecia 2017, e o premio do público en San Sebastián. Legrand propón un honesto retrato dunha familia desfeita, e plasma a tensión existente nun matrimonio divorciado que comparte a custodia do fillo de ambos, quen se sinte refén da batalla dos pais.

Ás 21:45 horas, o Principal acolle a proxección de As boas maneiras, de Juliana Rojas e Marco Dutra, unha fita para a que só haberá este pase e o do maratón. Segundo José Luis Losa, o filme "mestura eses elementos de tenrura e licantropía con tal forza de cinema libertario que a súa carga poética elévase por encima de xéneros e normas e transita no seu voo alto onde só chega o cinema forxado para a inmortalidade. Imprescindible". Así acadou o filme os premios da crítica de Sitges e o especial do xurado en Locarno.

Para non perder son tamén as películas que ao longo deste mércores se pasarán polo Salón Teatro, especialmente Pendular, un extraordinario traballo de Julia Murat de gran forza narrativa que comezará ás 19:30 horas. O filme foi merecedor de dous premios FIPRESCI: o da sección Panorama na Berlinale e o do Festival de Cine de Uruguai. De seguido, ás 21:30 h, terá lugar o pase de Sage femme (Dúas mulleres), de Martin Provost. Como vén sendo habitual, Provost ofrécenos unha sinxela e fermosa historia de amizade entre mulleres contada con gran sensibilidade e protagonizada, nesta ocasión, por Catherine Deneuve e Catherine Frot.

Direccións relacionadas



Compartir: