IGUALDADE

Un obradoiro de autocoñecemento para homes afondará na igualdade de xénero en seis sesións

21/11/2017 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, e o axente José Expósito, do colectivo Micromachinhos, presentaron Autocoñecemento para o cambio, un obradoiro vivencial teórico-práctico para homes. O seu obxectivo é cambiar a perspectiva dos participantes respecto ao rol de xénero. As sesións celebraranse os días 24, 25 e 26 de novembro e 15, 16 e 17 de decembro no Centro Social do Matadoiro. A actividade enmárcase nas celebracións do 25 de Novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

"Dende o Concello e dende o Departamento de Igualdade consideramos que as actividades a favor da igualdade teñen que interpelar aos homes", de cara a "construír novas masculinidades para un novo tipo de relacións", indicou Marta Lois respecto a un obradoiro que, á vista do éxito de anos anteriores, nesta edición ten o dobre de sesións.

O representante do Grupo de Homes pola Igualdade Micromachinhos, José Expósito, apuntou que, dende hai ano e medio, este grupo está realizando actividades dirixidas aos homes. Máis en concreto, este obradoiro é o último dun ciclo de accións que "foron moi ben acollidas polos homes". En concreto, lembrou que este obradoiro tiña inicialmente 15 prazas, ampliando ata as 19 e con lista de agarda. "Non tardamos en encher as prazas nin tres días dende que sacamos a primeira publicidade", declarou sorprendido.

Segundo Expósito, isto demostra que por parte dos homes hai un desexo de repensar a súa vida dende o seu xénero. E iso a pesar de que "somos un grupo que traballamos moito cara dentro, sen mirar moito cara o público, pois somos un grupo destinado ao autocoñecemento".

Terapia de reencontro
As actividades de autocoñecemento serán guiadas pola experta en estudos de xénero Tareixa Ledo Regal. A súa obra vincula as relacións entre homes e mulleres dende unha óptica de xénero, o que se chama terapia de reencontro. "O primeiro é reencontrarse como ser sexuado integrando as dimensións masculina e feminina, que están constituídas culturalmente, e abrir unha compresión dos problemas nacidos dende a cuestión de xénero". Outra das especificidades deste obradoiro é que nel se traballará para combater a orixe da violencia de xénero, mesmo dende a simboloxía que a representa.

Os obradoiros celebranse os venres de 17:00 a 21:00 horas, os sábados de 10:00 a 20:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas. Máis información a través da dirección de correo electrónico micromachinhos@gmail.com.

Compartir: