MEDIO AMBIENTE

Os veciños e veciñas participantes no proxecto piloto de compostaxe comunitaria reciben o seu primeiro compost

21/11/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, participou esta mañá na entrega de compost á veciñanza de Galeras que participa no proxecto piloto de compostaxe comunitaria. Os composteiros foron instalados no pasado mes de xuño en Galeras, Santa Marta e Salgueiriños, e nestes días empézase a retirar o primeiro compost que, segundo explicou o edil, "presenta unha moi boa calidade para ser utilizado como abono".

As analíticas realizadas antes da entrega á veciñanza sinalan que o compost das illas instaladas en Galeras e Santa Marta "é da clase A, e polo tanto apto para o seu uso na agricultura ecolóxica", mentres que o de Salgueiriños "foi catalogado como de clase B, apto para usos agrícolas, ao superar levemente os niveis de zinc fixados para a clase A". A calidade do compost vén determinada por analíticas químicas que atenden aos niveis de cadmio, calcio, cobre, cromo, magnesio, mercurio, níquel, chumbo, zinc e potasio.

Participantes satisfeitos co proxecto
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia lembrou que no proxecto piloto das illas de compostaxe participan un total de 116 persoas, de 46 familias diferentes. En Galeras están inscritas 16 vivendas, con 41 veciños e veciñas; en Santa Marta son 15 vivendas con 32 persoas; e en Salgueiriños participan no proxecto outras 15 vivendas, con 43 habitantes. Segundo apuntou Xan Duro, "dende o inicio do piloto foron moitas as familias que mostraron o seu interese por incorporarse á iniciativa, e por iso estamos a pensar nunha ampliación do proxecto tanto nos barrios nos que xa funciona como noutros novos".

O presidente da Asociación de Veciños de Galeras, José Manuel González, mostrouse moi satisfeito co proxecto e apostou porque "o Concello o siga estendendo a outros puntos da cidade". Segundo explicou "a compostaxe só ten vantaxes, e non supón máis dificultade que habilitar outro caldeiro na casa para os residuos orgánicos". Ademais, o funcionamento das illas de compostaxe é moi sinxelo. Os usuarios non teñen máis que depositar os seus restos orgánicos e mesturalos co estruturante que teñen ao seu dispor. Este estruturante está feito de polas trituradas que teñen a función de compensar o exceso de líquidos dos desperdicios e favorecer o proceso de obtención do compost.

Compartir: