ALCALDÍA

O alcalde celebra os 40 anos do Museo do Pobo Galego, "fundamental para manter viva a memoria da nosa tradición"

28/10/2017 O Museo do Pobo Galego acolleu esta mañá o acto de celebración dos seus 40 anos, evento ao que acudiu o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, así como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o director do Museo do Pobo, Xusto Beramendi.

O alcalde reivindicou o Museo do Pobo Galego como "museo que emerxeu desde a sociedade civil, de abaixo a arriba, exercendo un labor fundamental como memoria de país e memoria colectiva". Tamén lembrou que "a metade das pezas que aquí se atopan son o resultado de doazóns particulares, froito da creación colectiva de homes e mulleres".

O Museo do Pobo Galego é un dos símbolos de Compostela, "cidade que se constrúe ao redor do Camiño e desde a diversidade", engadiu.

Padroado
Na súa intervención, Martiño Noriega quixo lembrar especialmente "os nomes e apelidos das persoas que de maneira desinteresada fan un gran labor", como é o caso do Padroado do Museo, que está formado por centos de veciños e veciñas que sinten súa esta institución.

Finalmente, o alcalde desexoulle "outros 400 anos máis" ao Museo, co desexo tamén de que "entre todos e todas sexamos quen de atopar unha solución para o Panteón de Galicia".

Dende 1977
O Museo do Pobo Galego abriu as súas primeiras salas en 1977 no convento de San Domingos de Bonaval e constitúese como un organismo ao servizo da comunidade, coa salvagarda dunhas tradicións e costumes que normalmente foron esquecidas ou relegadas da historia oficial.

Compartir: