ACCIÓN CULTURAL

Amal doará a recadación do seu despacho de billetes a dúas familias sirias refuxiadas no Barco de Valdeorras

26/10/2017 A Semana de Cinema Euroárabe, Amal 2017 e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas celebrará este xoves, ao comezo da sesión das 20:00 horas no Teatro Principal, un acto de entrega simbólica da recadación solidaria do despacho de billetes do festival a dúas familias de refuxiados que viven actualmente no Barco de Valdeorras.

As familias proceden de Siria e teñen tres e dous fillos pequenos cada unha. Unha delas chegou ao municipio ourensán hai un ano e a outra fai tan só dous meses, polo que aínda teñen dificultades para integrarse pola barreira do idioma e a falta de oportunidades laborais. A comarca do Barco de Valdeorras converteuse por méritos propios nunha terra de acollida para os refuxiados, que actualmente ofrece asilo e axuda a 37 persoas (23 adultos e 14 menores).

Un bo plan para a noite do venres
Amal 2017 chega mañá venres, día 27, ao seu fin coa proxección das películas Cairo Jazzman, Headbang Lullaby e Os cabalos de Deus.

A sesión das 20:00 horas (2 euros) é un fermoso documental político musical de produción alemá, Cairo Jazzman, dirixida este 2017 por Atef Ben Bouzid.

A trama conta como o apaixonado Amr Salah, un compositor e músico de jazz exipcio, tenta organizar o Cairo Jazz Festival. Esta será unha empresa arriscada, non só pola súa limitada experiencia, senón tamén polo clima social cada vez máis intolerante. O filme convértese nun retrato atmosférico da capital exipcia. Atef Ben Bouzid é un director e produtor alemán que comezou a súa carreira como xornalista de Euronews, AFP e ARD. Vive e traballa en Berlín. Cairo Jazzman é o seu debut como director.

Enfrontamentos sociais e históricos do pobo marroquí
Ás 22:00 horas será a quenda de Headbang Lullaby, unha produción creada por Francia, Líbano, Catar e Marrocos en 2017 e dirixida por Hicham Lasri (3 euros). Conta como o 11 de xuño de 1986, despois de que Marrocos fixese historia futbolística ao derrotar inesperadamente a Portugal no Mundial de México, o oficial Daoud recibe a orde de vixiar unha ponte nos arredores de Casablanca que pasa por encima dunha autoestrada deserta e une a dúas comunidades hostís, xa que poderían recibir a visita do rei Hassan II. Alí, Daoud terá que lidar coas particulares poboacións locais, así como facer fronte ás vítimas das revoltas do pan de 1981, nas que participou como garda do goberno. A cinta aborda os temas da historia e o pobo marroquí, os seus enfrontamentos sociais e históricos, así como a natureza da relación entre as institucións e o pobo.

A conversión de mozos en terroristas
E para pechar o festival, mañá celebrarase sesión golfa (2 euros), ás doce da noite, coa película Os cabalos de Deus, dirixida por Nabil Ayouch e coproducida por Bélxica, Francia e Marrocos en 2012. Baseada na novela As estrelas de Sidi Moumen, de Mahi Binebine, a cinta traza a biografía ficcional dos membros da célula terrorista que provocaron unha onda de atentados o 16 de maio de 2003 en Casablanca. A longametraxe documental mostra en clave realista o proceso de alienación e conversión en potenciais terroristas de mozos procedentes de contornas sociais conflitivos, abandonados á súa sorte.

Durante case dúas horas nárrase a historia de dous irmáns que evolucionan ata converterse en mártires pola fe islámica. O título fai referencia á frase "Voade, cabalos de Deus", coa que o profeta Mahoma convocaba á Yihad, agora reinterpretadas por certas células. O filme foi exhibido na sección oficial a concurso Un Certain Regard do Festival de Cannes en 2012, onde conseguiu o Premio François Chalais e recibiu varios galardóns como a Espiga de Ouro á mellor película no Festival de Valladolid- Seminci, o premio MovieZone do Festival de Róterdan e o Lumière á mellor película estranxeira de fala francesa en 2014.

Direccións relacionadas



Compartir: