POLÍTICAS SOCIAIS

O Centro Sociocultural de Vite acolle unha Xornada do Programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas

26/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, xunto co coordinador da Asociación Galega de Axuda á Adopción (Manaia), Antón Mouriz, presentaron a Xornada do Programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas. A xornada celebrarase o sábado 28 de outubro, ás 11:30 horas, no Centro Sociocultural de Vite, onde impartirá unha charla o psicólogo José Luis Gonzalo Marrodán.

Concha Fernández explicou que este programa "vai dirixido a familias en proceso de adopción ou que xa adoptaron, e como se sabe, o proceso de adopción, así como o tránsito de etapas vitais en nenos adoptados, son un tema complexo". Tamén lembrou que Manaia dá soporte, apoio profesional e humano ás familias adoptivas ou en proceso de adopción, realizando, en palabras da concelleira, "un traballo valioso e de responsabilidade, máis tendo en conta que as administracións competentes, por escaseza de recursos, non poden atender moitas veces a estas familias". A asociación ten un espazo na Casa das Asociacions de Benestar Social, CABES, en Salgueiriños, onde o terceiro xoves de cada mes atenden a familias que xa adoptaron ou están en proceso.

O coordinador da Asociación Galega de Axuda á Adopción, Antón Mouriz, apuntou que na Xornada "traballaremos sobre o funcionamento do apego entre as familias adoptivas e os nenos e nenas adoptadas". De 11:30 a 14:00 horas haberá unha charla-coloquio impartida por José Luis Gonzalo Marradán, psicólogo especializado en adopción.

Ao mediodía, as persoas que participen nos actos deste sábado xantarán xuntas. Despois, ás 16:30 horas, realizarase o obradoiro "Traballar para potenciar as funcións executivas nos menores adoptados". Este taller tamén será conducido por Gonzalo Marrodán, coa intención de "que os nenos e nenas adoptados desenvolvan todas as súas capacidades e o seu ser ao longo do tempo", indicou Antón Mouriz.

Sobre a adopción, Mouriz aclarou que "é un proceso longo no que tentamos darlle toda a información posible ás familias sobre países a onde acudir, o que se pode facer e o que non, pois falamos de adopcións éticas".

Documentos relacionados



Compartir: