POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela sumouse á celebración do Día do Dano Cerebral Adquirido

26/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e outros representantes dos catro grupos municipais asistiron á lectura do manifesto co gallo do Día do Dano Cerebral Adquirido. O acto foi convocado pola Asociación de Dano Cerebral de Compostela, Sarela, e introducido polo presidente da entidade, José Balboa.

José Balboa lembrou o labor de Sarela, unha asociación que "leva traballando dende o ano 2000 para dar a coñecer unha doenza ata o agora descoñecida, como é o dano cerebral adquirido". Destacou a defensa que a Asociación fai dos dereitos das persoas con dano cerebral e dos seus familiares, e agradeceu a estes e aos representantes municipais a participación no acto.

Seguidamente interviñeron no acto varias persoas integrantes de Sarela, que leron candaseu parágrafo do manifesto. Así, na primeira parte do discurso salientouse que "en España viven 420.000 persoas con dano cerebral", aos que "a sociedade aínda non proporciona apoio suficiente". Da mesma maneira, denunciaron a invisibilidade das persoas con esta doenza para o resto da sociedade.

O manifesto tamén explica algunhas das causas do dano cerebral, como "golpes na cabeza, tumores, falta de osíxeno en sangue ou outras lesións cerebrais". "Este dano é difícil de recoñecer, porque moitas das secuelas non se poden ver", indicaron. Outra das reivindicacións do colectivo é que as persoas afectadas "poidan ter unha boa calidade de vida para a súa inclusión social, ademais de atender as necesidades das familias destas persoas e a creación de lugares específicos para a súa inclusión social".

Para a solución destas demandas, dende Sarela, apuntan á "creación dunha estratexia en toda España para coordinar os recursos e axudas sanitarias e sociais das persoas con dano cerebral". Entre estes recursos estarían as axudas sociais, médicos, pensións ou un censo de afectados. Pediuse tamén "incluír as necesidades das persoas con dano cerebral con máis necesidades, como as persoas con alteración de conduta ou as que estean en risco de exclusión social".

Compartir: