TURISMO

Promoción das Cidades Patrimonio na Feira de Turismo de Singapur

26/10/2017 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade participa na Feira ITB Asia 2017, que se celebra do 25 ao 27 de outubro na cidade de Singapur. A Feira ITB é un encontro profesional de turismo (B2B), organizado por Messe Berlin, que celebra a súa décima edición consolidado xa coma un dos puntos de encontro máis importante para reunións e negocio no sector do turismo do Sueste Asiático e Pacífico, abranguendo os mercados de ocio, corporativo e turismo de reunións, incentivos, congresos e exposicións.

En 2016, a ITB Asia de Singapur rexistrou un número record de encontros individuais e conferencias. Ademais, incrementou as cifras en comparación co ano anterior, chegando aos case 11.000 asistentes profesionais, 850 expositores de 110 países, 900 compradores rexistrados e un amplo programa de reunións, conferencias e seminarios, cuns 50 eventos durante tres días.

O Grupo dispón dun espazo de traballo dentro do expositor de España e dunha axenda de citas previamente programadas. Como complemento da Feira, os destinos españois participaron nun encontro con máis de 100 das principais operadoras turísticas de diferentes países da zona. Este encontro foi organizado pola OET e nel mostráronse de primeira man a oferta turística e a riqueza cultural e patrimonial das 15 cidades.

Os mercados asiáticos son dos denominados de gran potencial. Manteñen un excelente comportamento e está previsto que a súa evolución sexa positiva nos vindeiros anos. Estes resultados nas 15 cidades do Grupo están vinculados aos labores de promoción que se realizan nestes mercados dende a rede. Entre as actividades están incluídas presentacións en Cantón (China) a turoperadores, unha presentación directa xunto con Turespaña en Madrid ao segmento de congresos de China, viaxes de familiarización para xornalistas e blogueiros de Shangai e a participación nas feiras de Tokio JATA e CITM de Kunming (China), ademais da ITB de Singapur.

O perfil do turista asiático responde a persoas de idade media, cun poder adquisitivo medio-alto, interesados na cultura e tradición local. Están moi influídos pola seguridade no momento de escoller destino.

Compartir: