ACCIÓN CULTURAL

Amal proxecta este xoves o documental "Letters from Baghdad" e a película "Wajib"

25/10/2017 A Semana de Cinema Euroárabe, Amal 2017, programou para este xoves a estrea en España do documental ?Letters from Baghdad?, unha produción británica de 2016 dirixida por Sabine Krayenbühl e Zeba Oelbaum, que se poderá ver no Teatro Principal ás 20:00 horas (2 euros). É un filme de ton artístico que narra a vida de Gertude Bell, unha das mulleres máis influentes no Imperio Británico que foi ignorada e pouco recoñecida pola historia.

A través das súas cartas, o documental vai permitindo ao espectador recoñecer a súa verdadeira influencia, así como as súas habilidades literarias, que axudaron a definir o destino de Iraq despois da Primeira Guerra Mundial. A súa proxección e as súas decisións tiveron relevancia ata o momento actual e, a pesar de ser unha descoñecida, recoñécese hoxe en día que foi máis influente que o seu contemporáneo Lawrence de Arabia. De feito, e a pesar da misoxinia da época, foi denominada como "the female Lawrence of Arabia".

Dentro do xénero de ficción, Amal acollerá a estrea en España da película Wajib, que se poderá ver mañá xoves na sesión das 22:00 horas (3 euros). Dirixida en 2017 por Annemarie Jacir, en palabras de Jaber Martínez, "unha talentosa directora". Esta coprodución entre Palestina, Francia, Dinamarca, Colombia e Noruega relata a vida de Abu Shadi, de 60 anos. O home vive en Nazaret e é pai divorciado e profesor de escola. A súa filla vai casar e Abu ten que vivir só ata que o seu fillo, un arquitecto que vive en Roma dende hai moitos anos, chegue para axudalo coa preparación da voda. Como esixe a tradición palestina local, teñen que entregar a invitación a cada convidado persoalmente. Mentres pai e fillo, apenas uns descoñecidos, pasan uns días xuntos, a súa fráxil relación verase posta a proba.

La haine na sesión golfa
Na sesión golfa poderase ver ás doce da noite La haine, unha produción francesa, dirixida en 1995 por Mathieu Kassovitz, que en 95 minutos conta como, tras unha noite de disturbios nun barrio marxinal das aforas de París, tres amigos adolescentes -Vinz, Saïd e Hubert- son testemuñas dun feito, no que o seu amigo Abdel resulta ferido pola policía. O deambular pola cidade, a violencia entre bandas e os conflitos coa policía son as constantes nas 24 horas seguintes da vida destes mozos.

Mathieu Kassovitz, cineasta nado en París, é un dos realizadores clave de Francia dos últimos anos. Foi elixido pola revista Newsweek como unha das sete persoas que moldearán o futuro do cinema.

Direccións relacionadas



Compartir: