ALCALDÍA

A veciñanza da zona Urbana Norte está convidada este venres a un novo encontro "Ao vivo" co Goberno local

25/10/2017 O alcalde e os concelleiros e concelleiras do Goberno manterán o próximo venres un novo encontro "Ao vivo" coa cidadanía. Será ás 19:30 horas no Centro Sociocultural José Saramago de Vite, e á xuntanza están chamados os veciños e veciñas de San Roque, Basquiños, Estila, Almáciga, Pelamios, Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, Meixonfrío e Cancelas. Nesta área Urbana Norte de Compostela residen unhas 18.000 persoas.

Ao longo do mandato, o Goberno local foi recollendo as peticións e suxestións da veciñanza desta zona, tanto formuladas a título individual como canalizadas a través da ducia de asociacións de veciños que existen neste ámbito. Como vén sendo habitual nos "Ao vivo", o alcalde e os concelleiros e concelleiras terán que render contas do feito, e explicar as actuacións que non se puideron acometer. Tamén se recollerán as novas demandas que vaian xurdindo no encontro.

Nove "Encontros ao vivo" ao longo do ano
Os "Encontros ao vivo" forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove "Encontros ao vivo", seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agrúpanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto do municipio.

Direccións relacionadas



Compartir: