CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC das Fontiñas exhibe a exposición fotográfica "Nicaragua. O Futuro"

25/10/2017 A exposición Nicaragua.O Futuro’ amósase ata o vindeiro 31 de outubro no Centro Sociocultural das Fontiñas, onde ademais este venres 27, ás 18:30 horas, se proxectará o documental Dreaming Nicaragua. Promover a interculturalidade e actitudes de respecto cara a poboación migrante é o principal obxectivo destas actividades, que o Concello de Santiago de Compostela recibe como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a través do cal ten cooperado co país.

O documental, producido pola Fundación Fabretto, é un retrato diferente de catro nenos que viven na extrema pobreza en Nicaragua. O filme lévanos alén das súas dificultades e dálle voz á rapazada, que resulta sorprendentemente divertida, esperanzada e optimista. Un profesor de arte itinerante ofrécelles un espazo seguro para expresarse e soñar, en contraste coa vida diaria marcada pola fame, o traballo infantil e a violencia.

En canto á mostra fotográfica, foi elaborada por Felipe Carnotto na viaxe ao país centroamericano que realizou como gañador da segunda edición do certame Imaxes con Fondo, convocado polo Fondo Galego. Tras visitar os proxectos apoiados en Nicaragua pola entidade, co Instituto de Promoción Humana-Somoto como parceiro local, o fotoxornalista ofrece a través de 20 instantáneas unha perspectiva en chave persoal sobre a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación.

Completan a exposición catro paneis informativos sobre a cooperación internacional promovida polo Fondo Galego en Nicaragua, que inclúe máis de 30 proxectos, 17 deles desenvolvidos de xeito directo co Inprhu-Somoto en áreas como vivenda, saúde, auga e saneamento, formación, ou turismo sostible. A ONGD nicaraguana tamén ten acollido voluntariado do programa Vacacións con Traballo.

Felipe Carnotto gañou en 2014 o certame Imaxes con Fondo II na categoría de persoas adultas, cunha fotografía sobre pesca artesanal. O fotoxornalista de orixe brasileira afincado en Vigo, que vén de realizar un traballo sobre a crise de persoas refuxiadas, publica en xornais como The Guardian, Der Spiegel, El País ou a revista Luzes, alén de contar cun posto de honra nos IPA Awards. Impartiu obradoiros de fotografía en diversos institutos galegos co fin de animar á participación na terceira edición do concurso Imaxes con Fondo, que se convocará nos vindeiros meses.

O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Dende a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecida como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.

Direccións relacionadas



Compartir: