TURISMO

Compostela, sede este xoves do V Encontro Científico Galego de Enfermería e Fisioterapia

25/10/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a Secretaria Xeral do sindicato SATSE en Galicia, Carmen García, presentaron o V Encontro Científico Galego de Enfermería e Fisioterapia, que terá lugar este xoves 26. O evento conta cun cartel de alta cualificación investigadora. Destacan, entre outros, Ángel Carracedo e Ana Lista. Cada un ofrecerá aos asistentes unha visión ampliada das áreas nas que investigan, medicina e fisioterapia, respectivamente.

No Encontro, organizado polo sindicato de enfermería SATSE de Galicia coa colaboración da Fundación polo Desenvolvemento da Enfermería, FUDEN, exporanse máis de 40 traballos científicos dos ámbitos da Enfermería e da Fisioterapia feitos por profesionais de toda España. Tamén participan novos titulados do último cursos de Enfermería e Fisioterapia cos seus traballos de fin de grao.

A principal novidade da edición deste ano é a concesión dos Premios Isabel Zendal, chamados así en memoria de quen foi unha das precursoras da Enfermería, que naceu en Ordes en 1773. Isabel Zendal está considerada pola Organización Mundial da Saúde como a primeira enfermeira en misión humanitaria, por coidar de 22 nenos que portaron nos seus corpos a vacina da varicela, nunha viaxe dende A Coruña ata América.

O Encontro Científico é gratuíto para os profesionais da Enfermería e da Fisioterapia. Trátase dunha xornada que, ademais de permitir o intercambio de coñecementos e experiencias, conta coa acreditación pola Universidade de Castela A Mancha – UCLM. Está prevista a asistencia de arredor de 200 profesionais de Galicia, pero tamén do resto do Estado.

Compartir: