ALCALDÍA

O alcalde destaca a importancia do Camiño na "reinvención" de Europa

23/10/2017 O alcalde de Santiago de Compostela participou esta tarde no acto de conmemoración do trinta aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo. Na súa intervención, Martiño Noriega destacou a importancia do Camiño de Santiago como "ferramenta da reinvención dunha Europa que hai trinta anos, necesitaba reinventarse a si mesma".

Martiño Noriega, fixo un percorrido polo significado de Santiago como unha das ferramentas básicas para a procura dunha identidade europea. Dita identidade baseouse, segundo o alcalde, na riqueza da diversidade que achegou o Camiño: "a riqueza da diversidade foi sempre o mellor tesouro da nosa cidade. Naquel momento no que a Europa medieval necesitaba pensarse e procurar novos horizontes, Santiago exerceu como meta e como centro". Pero ademais, o rexedor deixou patente que "ao redor de Santiago de Compostela, naceu tamén un país atlántico que foi definido como célula de universalidade. Hoxe mostramos, reivindicamos e exercemos con orgullo a capitalidade deste noso país: Galiza".

O alcalde reivindicou a importancia do Camiño durante a Idade Media, pero tamén lembrou que, co paso do tempo, os camiños esmoreceran. Isto supuxo que hai trinta anos, como maneira de reinventar unha nova Europa "o Camiño de Santiago foi unha das ferramentas para esa reinvención, sendo recoñecido como o primeiro itinerario cultural europeo". Por iso, Noriega quixo recoñecer "a todas aquelas persoas que o fixeron posible, algunhas das cales, hoxe están aquí presentes. E agradecerlles en nome de Santiago de Compostela todo o seu esforzo".

Unha das consecuencias da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo foi o incremento de persoas que se achegan cada ano a visitar a cidade. "Daqueles 2.905 peregrinos de 1987 pasamos á cifra récord que supuxo o 2016 con 278.224. Cifra que, xa lles adianto foi superada neste 2017, a falta de dous meses e medio para que acabe o ano".

Consensos cara o 2021
De cara o ano 2021, cando se celebrará o vindeiro Ano Xacobeo, o alcalde de Santiago pediu "chegarmos aos consensos necesarios para protexer este noso máis prezado ben común. Como sempre, co leal traballo interadministrativo no que teñen que ser oídas todas as voces". Nese sentido apuntou o papel especial da Administración local, por ser a máis próxima á cidadanía.

Por último, Martiño Noriega reivindicou as palabras do acto de 1987 co que se declaraba o Camiño de Santiago Itinerario Cultural Europeo: "que alén das diferenzas e os intereses nacionais percorramos os camiños para construír unha sociedade fundada na tolerancia, o respecto aos demais, a liberdade e a solidariedade".

O acto de conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo celebrouse no Hotel Monumento San Francisco e contou coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do exsecretario xeral do Consello de Europa, Marcelino Oreja. Este último recolleu unha das dúas Medallas outorgadas polo Instituto Europeo de Itinerarios Culturais no transcurso do acto. A outra foi para "Os Camiños de Santiago", e recibiuna Simone Pettirossi, presidente de turno de la Federación Europea dos Camiños de Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: