TURISMO

A Galería Sargadelos exhibe a mostra de ilustracións "Camiña o Camiño"

23/10/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou esta mañá a exposición Camiña o Camiño, que se pode ver dende o pasado venres na Galería Sargadelos. Na visita tamén estiveron a ilustradora Blanca Escribas e a editora Gema Sesar, de El Patito Editorial. Este proxecto, no que catro ilustradoras galegas e portuguesas puideron debuxar diferentes lugares do Camiño da Costa, está desenvolvido por Turismo de Santiago e El Patito Editorial con financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

A iniciativa ten dúas vertentes fundamentais: unha dende o punto de vista turístico, xa que ofrece unha nova ollada a través destas mulleres das paisaxes do camiño da Costa, recentemente recoñecido; e outra dende o punto de vista da igualdade e da visibilización das mulleres no mundo da arte, para amosar que hai moi boas ilustradoras tanto en Galicia como en Portugal. Tal e como destacou Marta Lois, "ofrécenos unha nova mirada, un ollar diferente do Camiño da Costa a Santiago dende a veciña cidade de Porto. Ademais, engadiu, "tamén nos permite seguir construíndo a Compostela, territorio de mulleres, visibilizando as ilustradoras nun mundo moi masculinizado".

Nesa mesma liña, Gema Sesar explicou como xurdiu o proxecto dende o punto de vista da igualdade: "existen mulleres ilustradoras e era preciso visibilizar o seu traballo". Por iso contactou coas catro profesionais para esta acción, entre as que se atopa Blanca Escrigas. A autora ferrolá definiuno como un proxecto "con moita forza e moi enriquecedor a moitos niveis".

As catro ilustradoras galegas e portuguesas percorreron dende o 26 de xuño o Camiño da Costa realizando diversas ilustracións, que se converteron nun libro e nunha mostra onde as protagonistas serán as propias mulleres e o Camiño. O resultado é tamén un material que poder consultar sobre este camiño. Fernanda Lamelas, Teresa Ruivo, Blanca Escrigas e Isabel Seidell percorreron un total de 14 vilas e cidades: Porto, Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, A Guarda, Oia, Baiona, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago. Tamén debuxaron múltiples lugares entre as diferentes poboacións.

Fernanda Lamelas. Arquitecta de profesión, é unha apaixonada do debuxo. Participou en diversas exposicións colectivas de debuxantes de cadernos e colaborou como ilustradora en diversas publicacións e en libros como [Palácios e Casas Senhoriais de Portugal. Forma parte, xunto a Teresa Ruivo, da dirección de Urban Sketchers Portugal.

Teresa Ruivo. Psicóloga de profesión, comezou a debuxar cadernos hai tres anos, sen pensar que o deseño sería tan importante na súa vida futura. Gústalle debuxar os lugares polos que pasa, os pequenos xestos, as rutinas diarias da xente e diversas situacións que dalgunha maneira a impresionan. Desenvolve, por iniciativa propia, un proxecto no Instituto Portugués de Oncoloxía de Lisboa, Desenhar contigo, no que leva a cabo un obradoiro semanal con rapaces con enfermidades oncolóxicas.

Blanca Escrigas. Arquitecta, compositora, cantante, profesora de debuxo, empresaria... A afección pola pintura vénlle da infancia, aínda que foi na universidade cando comezou a súa verdadeira paixón pola acuarela. Os seus traballos realízaos sempre en acuarela, porque con ela di lograr un trazo preciso, pero informal e solto ao mesmo tempo. Con esta técnica recibiu numerosos premios de pintura nas súas obras.

Isabel Seidell. Filóloga e pedagoga, hai moito tempo que se perdeu nos mundos da cor, da forma e da observación para recrealo en pigmentos sobre papel aglutinado por unha pinga de goma arábica e disolto nun mar de auga. Traballou coas mans dende que era nena, experimentando coas cores, formas e materiais para converterse nunha apaixonada da pintura.

Compartir: