POLÍTICAS SOCIAIS

Concedidas as primeiras axudas municipais para cooperación ao desenvolvemento

23/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou a primeira concesión de axudas á cooperación e ao desenvolvemento. Das 13 solicitudes presentadas, foron seis as entidades finalmente beneficiarias dunha convocatoria que tiña un orzamento total de 90.000 euros.

Concha Fernández destacou que é a primeira vez que se conceden dende o Concello de Santiago de Compostela estas axudas. O obxectivo é a realización de proxectos en países empobrecidos. "Estas axudas foron presentadas publicamente no mes de xullo, e en total presentáronse 13 propostas de distintas entidades", apuntou a concelleira, quen lembrou cales eran os requisitos para optar a estas axudas: estar inscritos e constituídos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, acreditar unha experiencia mínima de dous anos no ámbito territorial no que se ía actuar e ter unha experiencia de catro anos en proxectos de cooperación.

Entre os requisitos que se pedían para solicitar as subvencións estaba presentar proxectos coa finalidade de axuda ao desenvolvemento nos ámbitos de actuación das entidades, e que fosen proxectos que tivesen viabilidade económica. Sobre as partidas destinadas a este fin, a concelleira lembrou que a contía máxima da axuda á que se podía acceder eran 15.000 euros.

Entidades beneficiarias
Seis entidades recibirán as axudas: Asemblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Vicente Ferrer, Arquitectura Sen Fronteiras, Enxeñería Sen Fronteiras e Fundación Fabre.

A Asemblea de Cooperación pola Paz recibe unha subvención de 15.000 euros. O seu traballo consistirá na mellora das condicións socio-sanitarias e de equidade de xénero en Suchitoto (El Salvador). Solidaridade Internacional de Galicia presentou un proxecto de promoción da saúde e do medio ambiente na poboación nativa americana en Chiquirichapa (Guatemala), para o que recibiu unha subvención de 14.937 euros. Pola súa parte, a Fundación Vicente Ferrer concorreu cun proxecto de dereito de acceso a unha habitabilidade digna con saneamento básico en Anantapur (India), e recibirá 15.000 euros.

Arquitectura Sen Fronteiras terá unha subvención de 15.000 euros para desenvolver un proxecto de cooperación técnica para elaborar unha ferramenta de planificación de accións estratéxicas en Champerico (Guatemala), na súa segunda fase. Enxeñería Sen Fronteiras presentou un proxecto para mellorar as capacidades do municipio de El Triunfo (Honduras) na xestión pública da auga, con rendición de contas. Tamén recibirá 15.000 euros. Por último, a Fundación Fabre contará con 14.276 euros para realizar un proxecto de formación de persoal sanitario materno-infantil e nutricional en Suchitepéquez (Guatemala).

As subvencións repartíronse en función dos capítulos IV ou VII das liñas de acción previstas. "O capítulo IV ten que ver máis co apoio a accións de educación, capacitación e formación ou recursos humanos e servizos, mentres o capítulo VII que ten que ver máis con investimento, construción, saneamento ou abastecemento de augas", apuntou Concha Fernández. Quixo remarcar que "todos os proxectos están en áreas xeográficas onde hai xa proxectos de desenvolvemento e cooperación e que, para o Concello, son áreas prioritarias".

A concelleira explicou que estas accións deben estar o máis coordinadas posible con outros proxectos. "A cantidade que destinamos non é moi elevada, polo que pode complementar outras accións que xa están en curso e sempre nos ámbitos territoriais onde hai accións de cooperación coordinadas, porque hai que ter unha estratexia para que estas accións sexan máis proveitosas", indicou.

Este plano de subvencións dá resposta ao acordo asinado polo Concello en 1999, no que se aprobaba destinar o 0,7% do orzamento a cooperación para o desenvolvemento. Para Concha Fernández, estas subvencións son un exercicio de cooperación pero tamén de concienciación no primeiro mundo sobre realidades diferentes noutros lugares do mundo.

Documentos relacionados



Compartir: