ALCALDÍA

O Goberno fai públicas na web municipal as axendas institucionais de todos os concelleiros e concelleiras

19/10/2017 O Goberno local vén de dar un novo paso para mellorar a transparencia do Concello de Santiago, coa publicación na web municipal das axendas institucionais de todos os concelleiros e concelleiras. O primeiro en facer pública a súa axenda diaria foi o alcalde, Martiño Noriega, e posteriormente fóronse sumando a esa boa práctica todos e todas as concelleiras do grupo de Goberno.

Nos últimos anos, o Executivo compostelán vén realizando grandes esforzos para mellorar a situación na que se atopaba o Concello no relativo á transparencia, esforzos que están a dar os seus froitos. De feito, no último informe de Transparencia Internacional Santiago acadara unha nota de 91,9 sobre 100. En 2014, a puntuación de Compostela era de tan só 66,3.

Nesa mesmo informe, Santiago era a segunda cidade galega no ránking de Transparencia Internacional, só por detrás de Vigo e por diante, por esta orde, de Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense.

Aposta pola transparencia
No marco desta aposta pola transparencia, nos últimos anos tense aprobado a Ordenanza de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos da administración do Concello de Santiago. O texto está baseado nunha ordenanza tipo redactada pola FEMP, pero vai máis alá nalgúns aspectos e é máis esixente no que ten que ver coas entidades que están obrigadas a publicar a información, incluíndo ás concesionarias de contratos administrativos. Tamén amplía a lista de datos que o Goberno e os grupos municipais teñen que facer públicos, a información de cargos eventuais e a relación de gastos anuais dos grupos municipais. Por último, obriga ao Concello a realizar un inventario de activos municipais.

Ademais, Santiago forma parte do proxecto Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable, xunto coa Coruña, Madrid e Zaragoza. O seu obxectivo é o desenvolvemento pleno das políticas de Goberno Aberto nas cidades participantes, baseado en avances tecnolóxicos dos datos abertos, a participación cidadá e a transparencia.

Direccións relacionadas



Compartir: