TURISMO

O Tren Turístico estrea a "Ruta dos Parques"

28/09/2017 O Tren turístico de Santiago contará cunha segunda ruta que, con inicio e chegada no Obradoiro, percorrerá os principais parques da cidade. Esta nova ruta terá seis frecuencias ao día, saíndo ás 10:00, 11:30, 13:00, 16:00, 17:30 e 19:00 horas. O percorrido ten unha duración aproximada de 70 minutos. A nova ruta comeza a funcionar mañá venres 29 de setembro.

Ata o momento, o Tren Turístico contaba cunha única ruta circular que partía e chegaba á praza do Obradoiro, cun percorrido duns 50 minutos que bordeaba o Casco Histórico. No ano 2016, arredor de 100.000 persoas empregaron este servizo para coñecer a cidade, unha cifra que amosa a súa importancia como ferramenta para xestionar os fluxos turísticos na cidade.

A nova ruta do Tren Turístico de Santiago, denominada "Ruta dos Parques", amplía os lugares que se poden descubrir con este transporte, facendo especial fincapé nos parques da cidade (Eugenio Granell, Brañas de Sar, Carlomagno, Alameda e o Parque da Música), para animar a pasear logo por eles con máis calma. Pero tamén pasa por outros lugares de especial interese turístico, como o Bosque de Galicia, a Colexiata de Sar e o Campus Vida.

O percorrido concreto é: Praza do Obradoiro, avenida de Xoán XXIII, Burgo das Nacións-Parque da Música en Compostela, avenida de Castelao, praza da Paz, San Caetano, avenida do Camiño Francés, rúa de Roma-Parque de Carlomagno, rúa de Londres, rúa das Fontes de Sar, rúa de Diego Bernal-Multiúsos/Cidade da Cultura, rúa da Ponte de Sar, rúa de Sar-Colexiata, rúa de Curros Enríquez, rúa de Bernardo Barreiro, rúa de Clara Campoamor, rúa do Escultor Camilo Otero-Parque Eugenio Granell, rúa de María Miramontes, avenida de Ferrol, avenida de Romero Donallo, avenida de Mestre Mateo, rúa de Jenaro de la Fuente, estrada de San Lourenzo-Carballeira, avenida das Burgas, rúa do Campiño da Ferradura, rúa do Pombal, rúa de San Clemente, rúa da Trindade, rúa das Carretas, costa de San Francisco e praza do Obradoiro.

Nunha primeira fase, esta segunda ruta estará dispoñible diariamente na primeira quincena de outubro e na segunda quincena os días venres, sábado e domingo. A ruta funcionará regularmente no comezo da temporada de verán do próximo ano, a partires da Semana Santa, introducindo as melloras precisas que se poidan detectar durante esta primeira fase.

Compartir: