DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Máis de medio cento de colectivos participarán na Mostra do Posible de Cangas, presentada este xoves en Compostela

28/09/2017 O Concello de Santiago acolleu hoxe a presentación da Mostra do Posible, un encontro de colectivos da economía social e movementos sociais que procuran un mundo máis xusto, e que se celebrará os días 7 e 8 de outubro en Cangas. A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, exerceu de anfitrioa nunha rolda de prensa na que participaron o coordinador da mostra, David Esperón; a coordinadora da Rede de Solidariedade Popular de Vigo, Elisa Pérez; e as actrices Marta Pérez e Mónica Caamaño.

A concelleira explicou que o Concello de Santiago quixo expresar o seu respaldo a esta iniciativa porque "a capital de Galicia ten que servir de altofalante de persoas e colectivos que están a traballar para cambiar o mundo, aínda que sexa a través de pequenos xestos". Marta Lois sinalou que "cremos firmemente en que outro mundo é posible, e de feito xa hai quen opera noutros códigos en ámbitos como a economía, a saúde, a educación, o urbanismo ou os medios de comunicación".

Alternativas reais por un mundo máis xusto
Na Mostra do Posible teñen confirmada a súa participación 54 colectivos e entidades. O encontro está dividido en cinco eixos temáticos: economía, traballo e finanzas; saúde, alimentación e coidado do entorno; educación, cultura e medios de comunicación; urbanismo, abastecemento e refugallos; e dereitos sociais.
Ademais do espazo de exposición, na Mostra do Posible haberá mesas redondas, presentacións, obradoiros, radio en directo, actividades de animación, e concertos de música en directo

As actrices Marta Pérez e Mónica Caamaño participaron na presentación para invitar a cidadanía a participar no encontro "para facer outros mundos posibles" e para mostrar que "outras posibilidades de creación social teñen que partir dos individuos e pensando nos individuos".

Direccións relacionadas



Compartir: