MEDIO AMBIENTE

A campaña "Porta a Porta" permitiu a recollida de 190 toneladas de vidro

27/09/2017 O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, xunto coa directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, e o xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández, entregou os premios da campaña Porta a Porta, de recollida de vidro para reciclaxe en locais de ocio. A edición deste ano permitiu a recollida de 190 toneladas de vidro entre os meses de maio e agosto.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, destacou que tanto a cantidade de vidro recollida como o número de participantes foron superiores aos da pasada campaña. Así, sumáronse á iniciativa 241 locais, que propiciaron a recollida de 190 toneladas de vidro.

Pola súa parte, o xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández, agradeceu a colaboración de todos os locais, que "nos indicaron as necesidades e servizos que precisaban para realizaren esta campaña, grazas ao seguemento que fixemos da mesma". Fernández apuntou tamén que a media de quilogramos reciclados en Santiago por habitante supera a media galega e española, "con 16 kg máis por habitante, e supuxo un incremento na reciclaxe dun 29% no concello de Santiago".

Finalmente, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, afirmou "estar moi satisfeita con esta campaña, que no seu día comezara en Ourense e que esperamos estender a outras cidades de Galicia". Ferreira anunciou proxectos similares para a recollida de cartón, papel ou residuos orgánicos.

Recolleron os premios Tito González, da Borriquita de Belém; José María Díaz Ares, do Modus Vivendi; Rafael Areoso, do Retablo; Antonio Lago, de A Gramola, e Mariano Rivas, do Milongas.

Compartir: