DEPORTE

A XVI Andaina Solidaria ao Monte Pedroso reunirá fondos para proxectos solidarios en Níxer

26/09/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou a XVI Camiñada ao Pedroso, unha andaina solidaria a beneficio de Unicef que se celebrará o domingo 1 de outubro ás 10:00 horas, con saída da praza do Obradoiro e chegada á Granxa do Xesto. Na rolda de prensa tamén participaron Iñaki Bilbao, presidente da sección de montaña do Club Deportivo Fontiñas, e Irene Marín, en representación de Unicef en Santiago.

A concelleira agradeceu "o traballo que o CD Fontiñas está a desenvolver na organización desta andaina". Noa Morales lembrou que o prazo de inscrición péchase o venres 29 de setembro e poderá formalizarse tanto na sede do CD Fontiñas (Rúa Varsovia, 4C - 4ºC) como na de Unicef (Galeras, 13 - 2ºOf). Non obstante, os/as participantes terán a opción de inscribirse o mesmo día da andaina no punto de saída na praza do Obradoiro. O custo da inscrición é de 5 euros.

Iñaki Bilbao, do CD Fontiñas, organizador da proba, subliñou a posibilidade de "participar nunha fila 0 para a xente que só quere colaborar sen participar na andaina ou que non pode por diversas cuestións". Ademais, foi o encargado de explicar o percorrido, que "comezará no Obradoiro, pasará pola zona vella e seguirá a carón do río Sarela para subir aos repetidores do Pedroso, finalizando na Granxa do Xesto".

A representante de Unicef en Santiago, Irene Marín, anunciou que os fondos recadados serán enviados a proxectos na República de Níxer. Destacou que estes proxectos serán "a apertura de pozos de auga potable, a instalación de letrinas separadas por sexos e o fortalecemento da comunidade para que poidan mater estas infraestruturas". Marín lembrou que Níxer "é a segunda economía co Índice de Desenvolvemento Humano máis baixo no mundo".

As accións como esta XVI Andaina ao Pedroso, están encamiñadas, sobre todo, á sensibilización sobre os dereitos da infancia, como o acceso á auga potable e á saúde.

As persoas que desexen colaborar pero non poidan participar na andaina poden facer a súa inscrición na fila 0 nos lugares indicados anteriormente, ou facer unha doazón na conta de Unicef 2080 5355 61 3040039021.

Compartir: